CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Christian Barrio publica “Os irmaus do Cantón”, un libro sobre San Vicente de Leira e as figuras do seu bisavó materno e do seu irmao

"Os irmaus do Cantón" é a terceira obra deste escritor barquense e presentarase o vindeiro 23 de agosto en San Vicente. Con ela pecha unha triloxía familiar e centrada na historia de Valdeorras, e presentarao en San Vicente o 22 de agosto

O investigador valdeorrés Christian Barrio, xunto a seu novo libro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A historia coñecíaa dende meniño. Contaralla a súa mai Rosana, de quen herdou o interese polas orixes familiares e o legado dos antepesados, e tamén o seu avó Constantino, incapaz de evitar as bágoas en certos momentos do relato. E, aínda que sempre sentiu a necesidade de recollela e afondar nela, non foi ata hai apenas un par de anos cando o historiador e xornalista valdeorrés Christian Barrio Fernández se atrevía a dar ese paso.

E, agora, o resultado desa pescuda familiar, de numerosas entrevistas e da investigación en diversos arquivos españois, vén de ver a luz en forma de libro: “Os irmaus do Cantón. San Vicente de Leira en la Guerra Civil, una historia olvidada para un pueblo olvidado” (Uno Editorial). Está adicado á memoria “do meu bisavó Domingo Fernández Vega e do seu irmán Juan Fernández Vega, cuxas historias personificaron a catástrofe da Guerra Civil”, tal e como plasma o autor nada máis abrir as páxinas do volume.

Con este libro, Barrio Fernández segue poñendo en valor a historia local e pecha un ciclo literario e de investigación vinculado á súa familia ,que se iniciaba en 2022 con “José Barrio, el último guardia de la mina de Valborraz”, no que achegaba a historia do seu avó paterno ligada ao volframio; e afondando nesa liña continuaba con “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, no marco xeográfico de Carballeda de Valdeorras.

Coa súa terceira obra, este escritorr, nado no Barco en 1997, pasa á rama familiar materna para afondar nas súas orixes ligadas á aldea de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), arrasada polo lume no pasado verán, xusto cando estaba preparando este proxecto. “A min sempre me chamou a atención esta historia familiar, que era moi tráxica, xa que mentres Juan, acompañado de Domingo, fuxía para coller o tren en Montefurado, alí, nunha cantina recoñecíano e resultaba fusilado, mentres que o seu irmán salvábase. E aínda que esta historia coñecíaa moito antes que as dous outros dous libros que escribín, sempre me freou o delicado da situación”.

Decidíase a mergullarse nesa historia no 2024. Comezaba a investigar tirando do fío dos recordos familiares, pero tamén recompilando outras testemuñas orais e de investigadores, e afondando en arquivos de lugares como Ferrol, Ourense ou Salamanca, así como no do Concello de Vilamartín. Tiña claro que o seu libro non se ía centrar unicamente no tráxico desenlace do seu tío bisavó. E así foi, tendo en conta ademais que, no decurso das pescudas, topábase cun Juan totalmente inesperado.

“Sorprendeume a magnitude do personaxe de Juan e iso quíxeno plasmar no libro, o primeiro garda forestal da historia de Valdeorras e de Ourense, todo un intelectual no momento, xornalista con publicacións en diferentes periódicos da época, tamén me chamou a atención que chegase a participar no Ministerio de Fomento, na etapa da ditadura de Primo de Rivera e na República, na confección das primeiras políticas forestais e na prevención dos incendios…”, comenta Christian Barrio.

 

 

 

Por outra banda, no libro afonda na figura do seu bisavó e na historia de San Vicente de Leira, principalmente nos séculos XIXe XX, á que lle dedica os primeiros capítulos da obra, unha de cuxas zonas “O Cantón” aparece no título do libro. “Era o núcleo histórico do pobo, onde se facían os concellos, onde estaba a escola… o punto neurálxico de San Vicente e Juan e Domingo vivían alí”.  E mesmo recolle a inauguración da estrada de San Vicente, afundida agora e tamén en certo modo vinculada á memoria dos feitos tráxicos dos seus antepasados.

A partir de aí, Barrio xa centra o relato na historia destes dous familiares seus, no marco especialmente, da guerra civil e da posguerra, así como nas consecuencias das mesmas nas súas vidas. E conclúe cun epílogo e cun capítulo de agradecementos. Con este traballo, este escritor valdeorrés reconstrúe e recupera a memoria familiar e cobre tamén un importante baleiro na historia valdeorresa e mesmo galega.

“Os irmaus do Cantón” presentarase o vindeiro 23 de agosto en San Vicente de Leira, escenario deste libro, e a intención é facer unha novo acto na vila de Vilamartín a finais deste mesmo mes.

Back to top button