EconomíaEconomíaÚltima hora

Cinco postos de produtos agroalimentarios de calidade diferenciada na I Vitis Lumen de Larouco

Os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; asistían, acompañados pola alcaldesa de Larouco, neste 8 de agosto á celebración desta nova iniciativa arredor do viño e do territorio

 

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; acompañados pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, asistían hoxe á primeira edición de Vitis Lumen, unha iniciativa celebrada no concello de Larouco que propón un percorrido arredor do viño ao que a Consellería do Medio Rural sumou a promoción da diversidade e calidade das producións agroalimentarias galegas.

Baixo a proposta “Saborea o Vitis Lumen”, Medio Rural promoveu cinco paradas gastronómicas ao longo da ruta, concibidas para achegar ao público diferentes produtos galegos amparados por figuras de calidade diferenciada e polo selo de Artesanía Alimentaria. Deste xeito, o percorrido entre viños converteuse tamén nunha oportunidade para saborear Galicia a través dos seus produtos e coñecer a diversidade da súa produción agroalimentaria.

As degustacións incluíron produtos cárnicos de Artesanía Alimentaria acompañados de pans con indicación xeográfica protexida; queixos e meles recoñecidos nas Catas de Galicia; elaboracións con carne da IXP Ternera Gallega e Pemento de Herbón; Grelos de Galicia e Lacón Galego; así como xeados creados por operadores de Artesanía Alimentaria. A iniciativa permitiu así reunir nun mesmo percorrido produtos vinculados a diferentes territorios e formas de produción de Galicia.

Neste contexto, Alemparte salientou que a calidade diferenciada constitúe unha ferramenta para xerar valor a partir da orixe e da identidade das producións galegas. Así, destacou que estes distintivos non só ofrecen ao consumidor garantías sobre a orixe, autenticidade e calidade dos alimentos, senón que contribúen tamén a protexer o patrimonio agroalimentario, fortalecer a identidade dos territorios e xerar maior valor para as persoas produtoras.

 

 

O director incidiu ademais na importancia de achegar estes produtos ao consumidor a través de experiencias que permitan coñecelos, degustalos e identificalos cos territorios dos que proceden. Neste sentido, puxo Vitis Lumen como exemplo das posibilidades de sumar viño, gastronomía e territorio para reforzar a promoción das producións galegas de calidade.

 

 

Potencial enoturístico da zona

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a capacidade desta cita para poñer en valor o “gran potencial” enoturístico da comarca, cun perfil de turista interesado tamén polo patrimonio e cultura local. Neste sentido puxo de manifesto o traballo que Turismo de Galicia está a levar no marco da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 para fortalecer este segmento, con iniciativas no ámbito da promoción en colaboración coas rutas dos viños, así como impulsando novos productos ou a profesionalización e mellora dos establecementos enoturísticos, entre outras medidas.

Fotos: A.R.

 

Back to top button