
Conta atrás para a XII Festa da Pisa da Castaña en Purdeus (Parada de Sil), unha cita de gran interese etnográfico, na que pode descubrirse o proceso do secado, pisado e cribado tradicional deste froito de outono.
Desta volta a Festa da Pisa da Castaña, organizada polo Concello, está prevista para o sábado 15 de novembro, mantendo o esquema de anteriores edicións. Comezará ás 11:30h. coa recreación deste antigo labor. Ata o lugar da pisa serán levadas en sacos as castañas, que estiveron secándose durante varios días ao calor do lume e co fume, no sequeiro. Unha vez alí, por quendas de catro persoas, os sacos bateranse sobre un tallo de madeira nun ambiente festivo e animado pola música tradicional, ante a atenta mirada do público.
A continuación, os sacos iranse baleirando para dar paso ao abandoxado, outra fase na que se lle quita a segunda pel á castaña. Este froito, xa limpo, acostuma depositarse en cestos de madeira para que poida ser degustado polos asistentes.
De forma paralela á pisa, porase en marcha o Mercado Tradicional de Produtos, con gran diversidade de postos de gastronomía e artesanía: viños, queixos, licores, doces… E, xa ás 14h., darase paso ao xantar popular, nunha carpa instalada nun souto próximo, cun delicioso menú (entrada de 15 euros) a base de cocido completo, lacón, cachucha, androlla, tenreira, orella e morro, acompañados de bica, viño mencía/godello da D.O. Ribeira Sacra, auga, café e chupitos. Os tíckets están á venda nos bares de Parada de Sil e na Casa do Concello (teléfono 988 20 80 10).
