Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Coa I Carreira Vertical Valdeorras, unha proba épica en Vilamartín, a comarca posiciónase no mapa do trail running galego

Este novidoso evento deportivo, que ademais de ser campionato galego ten o seu apartado popular, está previsto para o vindeiro 3 de novembro en Vilamartín

 

O trail running chega a Valdeorras neste outono. Vilamartín acollerá o vindeiro 3 de novembro a I Carreira Vertical Valdeorras, coa que a comarca se estrea nesta especialidade atlética e que será, ademais, campionato galego de subida vertical. Esta cita será promovida polo Concello de Vilamartín, en colaboración co Club Adas Cupa e a Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA). A organización establece un límite de 250 prazas na carreira absoluta e de 200 na de promoción. As inscricións estarán abertas ata o 29 de outubro en www.carreirasgalegas.com.

 

 

Este novidoso evento deportivo, que tamén ten o seu apartado popular, presentábase este mediodía de 25 de outubro xusto no lugar dende o que se dará a saída: a Ponte Manuel Baltar, en Vilamartín. “É interesante atraer xente á nosa comarca e este é un xeito de facelo. Imos conseguir que Vilamartín outra vez se coloque no mapa do deporte, que é o que vimos tratando de conseguir dende hai bastante tempo”, sinalaba o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que agradecía a colaboración das entidades e persoas que fan posible este evento.

Estaba acompañado por membros da organización do evento, entre eles José Lópe “Parra”, quen resaltaba que se trata dunha “proba moi novidosa incluso en Galicia e é épica. Partindo xa do labor dos traballadores do Concello de Vilamartín, que levaron un traballo impresionante para limpar a zona. Intentemos facer cousas pola comarca e que chamen a atención para atraer aos deportistas e esta iniciativa vai a atraer a numerosas persoas de toda Galicia”. Agradecía ademais a colaboración das numerosas persoas para levar adiante este proxecto deportivo e animaba á participación. “A verdade é que se trata dunha proba moi dura, pero que se pode facer e un cando chega arriba séntese a persoa máis grande do mundo”.

 

 

 

Pola súa banda, o atleta Alejo Ares (Adas), que xa fixo o percorrido, comentaba que lle gustou moito, “aínda que recoñezo que é bastante dura e hai que sufrir, e bastante esixente a nivel muscular e vainos vir moi ben a Valdeorras, ademais supón un xeito de recoñecer o traballo de toda esta xente, xa que o máis difícil é organizar. Esperamos que veña moita xente”.

Finalmente, Manuel Rodríguez Teijeiro, delegado da Federación Galega de Atletismo en Valdeorras, amosaba a súa satisfacción por esta proba deportiva, “é a primeira proba de montaña que facemos nesta delegación, que debe ser a máis dura das de Galicia, cun circuíto moi duro pero interesante”. Así mesmo agradecía os apoios para poder levala a cabo e convidaba a xente a participar.

 

 

Este evento incluirá dúas probas cuxo punto de partida será A Ponte José Luis Baltar (313 m). Ás 10h. partirán os corredores da distancia de 4,2 km (Valdeorras Vertical-categoría absoluta) e con 1.020 m de desnivel positivo, que deberán chegar ao cumio do Monzón (1.329 m). Unha hora despois será a quenda dos participantes do Medio Vertical Valdeorras (categoría promoción), con 505 m de desnivel positivo.

https://youtube.com/shorts/DzjrbNlrK-4?feature=share

Fotos: O SIL.

 

Back to top button