
Recén estreado o 2025 un amplo grupo de persoas afectadas pola silicose reuníanse o 3 de xaneiro no Barco co fin de crear unha asociación de cara a canalizar as demandas destes colectivo, entre as que destaca a necesidade de contar cun neumólogo no Hospital Público de Valdeorras.
Na xuntanza acordábase iniciar unha serie de xestións para crear unha asociación, buscando asesoramento, e tamén para solicitar un local onde poder manter reunións. Ese labor está dando xa os seus froitos e o 20 de xaneiro asinábanse os estatutos de constitución da nova entidade, cuxo nome será Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival). “Estamos xa en camiño e o proxecto vaise pondo en marcha”, indican os seus promotores, que xa teñen escollida a súa xunta directiva.
Ademais, solicitaron ao Concello do Barco un espazo para poder xuntarse, que xa lles foi concedido. Neste senso, os promotores da asociación agradecen o apoio e a colaboración do Concello do Barco, así como de entidades como os sindicatos, cos que contactaron para coñecer os trámites para a posta en marcha da asociación.