
A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Quiroga -competencia do concelleiro Xosé Manuel Fernández-, informa que comezou a funcionar un servizo de normalización lingüística. Este novo servizo, que conta cunha persoa contratada, creouse grazas a unha subvención concedida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ao abeiro da Orde do 13 de marzo de 2024, e funcionará de xeito compartido co Concello de Ribas de Sil.
O obxectivo do mesmo é estar a disposición dos servizos municipais dos Concellos de Ribas Sil e Quiroga para desenvolver tarefas de asesoramento e normalización lingüística, pero tamén se buscará que se poidan atender necesidades de asociacións culturais, do comercio e das empresas que o precisen.
A maiores, tamén se está traballando para o encaixe dunha formación preparatoria para as probas de coñecemento CELGA que se convocan anualmente. Calquera persoa interesada pode xa dirixirse a este servizo, que estará situado na Casa da Cultura, para anotarse como demandante destes cursos.
O horario e teléfono de atención ao público será na Casa da Cultura de 9:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 21:00 h.; o número de contacto para calquera consulta é o 982435125.