Dende as 9h. deste 28 de outubro o Parador de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, acolle o congreso internacional ‘Fontes-Patrimonio Mundial: Coñecemento para conservar’, que busca impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e no que participan unha trintena de expertos en patrimonio de diferentes países e comunidades autónomas, xunto con profesionais dos sectores da cultura e do turismo
O acto inaugural contaba coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, quen enxalzaba a candidatura “seria, forte e solvente” de Ribeira Sacra: Paisaxe da auga para ser recoñecida en 2026 como Patrimonio Mundial da Unesco. O encontro contaba tamén coa presenza do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, así como do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; da directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez, entre outras autoridades.
“Contamos cos requisitos para ser optimistas de cara á consecución deste recoñecemento internacional”, aseverou o titular de Cultura do Goberno galego, quen garantiu que se están a dar “todos os pasos necesarios” e que se están a “cumprir rigorosamente” cos trámites requiridos desde a Unesco para acadar esta declaración mundial para a Ribeira Sacra. “Temos unha candidatura extraordinaria e temos un reto por diante marabilloso, dous anos para seguir traballando, seguir entendendo o que significa Ribeira Sacra, ser capaces de transmitir eses valores e estou convencido de que coa vosa colaboración, coa realización destas actividades. E que a Ribeira Sacra sexa no 2026 Patrimonio da Humanidade”.
Neste horizonte de cara a 2026, o conselleiro salientou o “relevante papel” de impulso da candidatura que supón o congreso internacional Fontes inaugurado hoxe no Parador de Santo Estevo. Así, valorou as “achegas, experiencias e ideas máis que útiles” que aportarán á candidatura da Ribeira Sacra estes expertos internacionais e nacionais en patrimonio, “sobre todo de aqueles lugares que xa contan con este recoñecemento”.
Neste senso, López Campos agradeceu a participación de especialistas e representantes de organismos vencellados con patrimonios mundiais xa recoñecidos pola Unesco como do Val de Loira (Francia), da cidade de Toledo (Castela A Mancha), da cova de Altamira (Cantabria) ou do xacemento de Atapuerca en Burgos (Castela e León).
O representante do Goberno galego apuntou que a finalidade deste foro internacional é “afondar, establecer sinerxías e debater” sobre a xestión e retos dos espazos e enclaves distinguidos como Patrimonio Mundial “co propósito de promover estratexias de colaboración entre diferentes actores relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra”.
No encontro —que se alongará a toda a xornada de mañá— tamén están a participar representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do eido local como de outras comunidades autónomas ao igual que profesionais do sector turístico.
Pola súa banda, Miguel Iceta, resaltaba que “a historia, a xeografía, a hidrografía e a poboación fixeron unha maneira de ser, de vivir, estar e de proxectarse. E custa incluso estando aquí velo todo. Falamos dunha paisaxe cultural con 26 concellos, 2 provincia (Ourense e Lugo), 2 ríos Miño e Sil e realmente o transcurso da auga é o que lle dá unidade a esta paisaxe, tamén e terra, os cultivos, os vestixios de todo tipo, ese inicio de ermidas que logo foron mosteiros. E despois unha poboación que decidiu vivir aquí e co de aquí”, aseguraba Iceta na súa intervención. Destacaba tamén a dureza desta terra, “o difícil que é cultivar en determinadas condicións e quizais por iso o resultado é tan magnífico”.
Ademais Iceta trasladaba “afecto, cariño e apoio e, sobre todo, o entender por que estades tan empeñados en conseguir esa inscrición na Unesco. Primeiro porque paga a pena, non só por vós e pola vosa identidade, senón polo que podedes amosar, e aí vén unha parte importante do patrimonio que é a xenerosidade, o ser capaces de recuperar toda unha historia, que segue viva ata o presente e proxectala cara ao futuro. Non sempre é fácil ao mesmo tempo protexer o patrimonio, pero darlle un uso que garantice a súa pervivencia. Creo que aquí estádelo conseguindo coas dificultades da propia orografía”.

O delegado do Goberno en Galicia agradecía ao embaixador a súa presenza neste acto inaugural, ao que tamén asistiron alcaldes e alcaldesas dos 26 concellos da comarca, e aproveitou a celebración do mesmo no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil para destacar o esforzo que está a facer o Goberno pola recuperación e posta en valor do patrimonio histórico na comunidade.
Na mesma liña, sinalou a importancia que para Galicia tería a inclusión da Ribeira Sacra na lista de bens Patrimonio Mundial da UNESCO e comprometeu todo o apoio do Goberno para que sexa pronto unha realidade.
Fotos: O SIL.


