EconomíaEconomíaÚltima hora

Comeza o Obradoiro de Emprego “Valdeorras embelece IV”, con 20 alumnos do Barco, Vilamartín e Petín

Esta mañá abríanse de xeito formal as actividades do Obradoiro de Emprego “Valdeorras embelece IV”, no que se formará a 20 alumnos/as traballadores/as, distribuídos nas especialidades formativas de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (12 alumnos); e traballos de carpintería e moble (8 alumnos), residentes nos tres municipios que participan neste proxecto.

A apertura desta actividade contaba coa presenza dos alcaldes do Barco, Alfredo García, Vilamartín, Enrique Fernández Barreiro, e Petín, Raquel Bautista. No obradoiro traballarán unha directora, dous profesores de xardinería, un de carpintería, unha de formación dual e unha administrativo e as persoas seleccionadas como alumnos/as recibirán formación sobre diferentes materias, ao tempo que tamén traballarán “en proxectos moi interesantes para toda a veciñanza, nos lugares onde residen”, dixo o alcalde do Barco, Alfredo García, quen tamén esperou que a formación que reciban lles sirva no futuro para obter un posto de traballo.

Os alcaldes de Vilamartín e Petín deron a benvida aos alumnos e profesores, aos que desexaron que esta formación sirva para que se desenvolvan interesantes proxectos nos seus municipios.

Nos nove meses de duración do obradoiro realizaranse diferentes actuacións nos tres concellos. No municipio do Barco de Valdeorras, levarán a cabo o acondicionamento de zonas axardinadas no núcleo do Barco, o valado de parques infantís no municipio, a substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos públicos; e a fabricación e colocación de marquesinas en diferentes puntos, así como cobre contedores.

 

 

En Vilamartín de Valdeorras faranse traballos de acondicionamento de xardíns en diferentes puntos do municipio, o valado de parques infantís, a fabricación ou reposición de bancos de madeira, a construción de cobre contedores e soportais de madeira para bancos. No Concello de Petín procederase ao acondicionamento da zona axardinada na contorna do Centro Social de Mones e da zona axardinada das piscinas de Petín, a construción de xardineiras, bancos e contedores de madeira, e traballos de poda en varios núcleos.

O obradoiro, que lidera o Concello do Barco, terá unha duración de nove meses e foi aprobado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que aporta unha subvención de 411.928 euros para o seu desenvolvemento, ademais doutros 12.000 para incentivos á contratación.

Back to top button