En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Comeza a segunda fase do proxecto transfronteirizo Ariem

A primeira fase completábase o 22 de marzo coa entrega de equipamento a diversos grupos de emerxencias ourensáns na sede da Eurocidade Chaves-Verín

A sede da Eurocidade Chaves-Verín, en Feces de Abaixo, era o escenario escollido para o acto de entrega de diferente equipamento destinado a mellorar a xestión das intervencións e emerxencias nesta zona transfronteiriza. Recibíano os GES do concellos de Lobios, de Muiños e A Gudiña; as Agrupacións de Voluntarios de Vilardevós e Vilar de Barrio; o servizo municipal de Emerxencias de Laza; e os Consorcio contraincendios e salvamento da Comarca de Verín e da Comarca da Limia. Esta entrega, efectuada no marco do Proxecto Ariem 112, tiña lugar na mañá do 22 de marzo.

Previamente, na sede da Eurocidade, tiña lugar un encontro no que participaban o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director de Emerxencias e Interior, Luis Menor; o xerente da AXEGA, Juan José Muñoz; a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; a representante da CCDRN, Marilia Silva; o presidente da Cámara de Chaves, António Cândido Monteiro, ademais de alcaldes, concelleiros e representantes das emerxencias dos concellos e dos consorcios.

O turno de intervencións abríao o director xeral de Emerxencias, quen lembraba a xénese do proxecto transfronteirizo ARIEM 112, destacando que se poñía en marcha cunha inversión “moi modesta” duns 400.000 euros no ano 2011, “e a boa xestión deste programa fixo que se foran achegando fondos ao mesmo e que se chegara a ter unha inversión total de 2,8 millóns de euros, o cal reflexa que foi un programa de éxito”.

Coa entrega deste material ponse fin a primeira parte deste programa que permitiu, entre outras cuestións, acadar “unha homoxeneización dos materiais, dos equipos e, sobre todo, fomentar o traballo conxunto por parte dos dous países, España e Portugal”, matizaba Luis Menor. Ademais adiantaba o comezo dunha nova fase. “Este é un punto de seguido, porque agora mesmo debido á ao éxito do programa imos ao seguinte programa de fondos, ao 2014-2020, con moita máis forza, agora chamámolo Ariem Plus. Neste programa, a diferenza do anterior, agora arráncase con 6 miilóns de euros”.

De seguido, tomaba a palabra o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, quen agradecía que a Xunta escollese a sede da Eurocidade para celebrar este acto e subliñaba que “o proxecto Ariem, xunto co proxecto Eurocidade, é un bo exemplo de cooperación no que a coordinación de medios e entendementos suma e crea mellores condicións de vida para os nosos cidadáns. É importante referir que hoxendía a optimización de medios e recursos faise imprescindible a todos os niveis, pero aínda ademais cando se pode influír nos tempos de resposta na xestión dunha emerxencia, independentemente do lugar onde se produza, xa sexa España ou Portugal, podendo así salvar vidas ou evitando unha castástrofe maior”.

Finalmente, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidía tamén no valor da cooperación e apuntaba que “a segunda fase deste proxecto Ariem é un proceso moi ambicioso, pero se facemos as cousas ben, igual que fixemos na primeira fase, creo que podemos conseguir todos os obxectivos que son tamén de seguir renovando material, pero son sobre todo de formación, de prevención, de concienciación e, en último caso conseguir, ese obxectivo que parece tamén lóxico, pero no que somos pioneiros tamén, de que cando se produce unha emerxencia, quen está sufrindo a situación de emerxencia, non teña que estar pendente se un vén dun lado da raia ou doutro, o que ten que recibir é a mellor atención de xeito combinado, cos mellores profesionais e cos mellores materiais”.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button