SanidadeÚltima hora

Comezan as obras de urbanización dos accesos ao CHUO

Esta actuación foi licitada cun orzamento superior a 1,3 millóns de euros
Imaxe do inicio das obras.
Imaxe do inicio das obras.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de iniciar as obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Terán un prazo inicial de execución de cinco meses e consistirán “na construción de dous viais, un deles, o máis extenso e lonxitudinal con respecto á fachada este do Complexo Hospitalario, e outro perpendicular a éste. O primeiro terá unha lonxitude de 165 metros e un ancho total de 24,1 metros, con calzada con dous carrís e prazas de aparcamento e beirarrúas a ambos lados. O segundo vial terá unha lonxitude de 28 metros e un ancho de 20 metros, prevendo tamén beirarrúas e aparcadoiros”, tal e como se informa dende a consellería.

Estas obras están enmarcadas no convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense, e foron licitadas cun orzamento superior a 1,3 millóns de euros.

Nun primeiro momento a actuación centrarase na realización de movementos de terras para “a formación da explanada, e posteriormente, na execución de firmes na calzada e pavimentación de beiravías e entrada de garaxes. Tamén se colocarán estruturas de contención mediante a execución de muros de formigón armado e instalaranse redes de abastecemento, saneamento, alumeado, telecomunicacións e gas natural”, tal e como se indica dende Infraestruturas e Vivenda.

Artigos relacionados

Back to top button