Un grupo de concellos transfronteirizos veñen de presentarlle á Xunta unha proposta para impulsar unha nova conexión internacional por autovía entre o Nordeste de Portugal e a estación do AVE da Gudiña, en Ourense. O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron unha xuntanza sobre tema con alcaldes ourensáns e do norte de Portugal, tal e como se informa dende a Administración galega.
Así para explicar a proposta, no encontro participaron o alcalde da Gudiña, José María Lago, o alcalde de Riós e presidente da Mancomunidade de Conso-Frieiras, Francisco Armando Veiga, e o presidente da Cámara municipal de Vinhais, Luís dos Santos Fernandes, e o presidente da Cámara municipal de Miranda do Douro.
No encontro, os rexedores presentaron a iniciativa e demandaron o apoio autonómico para promover ante o Goberno de España a construción do treito desta autovía correspondente ao territorio nacional, unha vez que o Executivo portugués xa manifestou o seu interese nesta conexión.
Segundo explicaron, a execución desta autovía internacional contribuiría en gran medida a reforzar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e facilitaría o acceso directo á liña de AVE Madrid-Galicia a unha poboación de 200.000 cidadáns do norte luso.
Así mesmo, consideran que, para a execución desta infraestrutura, os gobernos de España e Portugal poden acollerse a programas de financiamento cos que a UE impulsa as infraestruturas transfronteirizas.