“Hoxe non é un día máis: onte mesmo entrou en vigor o cesar fogo que o mundo leva máis dun ano a exixir en rúas e prazas como estas. Tamén nós, na Galiza, nos sumamos a esa exixencia, proclamando convocatoria após convocatoria en cidades e vilas por todo o país a solidariedade do noso pobo coa loita do pobo irmán palestino e coa súa resistencia”. Así principiaba o manifesto que ás 20h. desta tarde de 20 de xaneiro ao que se lle daba lectura na concentración de apoio a Palestina, que se celebraba na praza do Concello do Barco, convocada, unha vez máis pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.
Era Javier Rocha quen poñía voz a ese manifesto, no que se facía balance deste tempo e das reaccións internacionais ante a situación, lembrando que “neste tempo a solidariedade internacional xogou tamén un papel fundamental. E Galiza, nestes 15 meses, estivo onde tiña que estar: en máis de mil mobilizacións amosando que a liberdade de Palestina é tamén a nosa, e que o dereito de autodeterminación e a soberanía son hoxe as pancas necesarias para un mundo novo”.
O manifesto concluía cunha mensaxe de esperanza “Palestina existe e resiste. E nós, galegas e galegos solidarios e internacionalistas, co resto de pobos do mundo, continuamos a berrar “Galiza con Palestina” “.
Esta tarde tamén se celebraban concentración en máis de trinta localidades galegas, entre elas Allariz, O Carballiño, Verín, Viana do Bolo ou Ribadavia.