
O vindeiro 29 de marzo, o Auditorio Municipal de Verín será o escenario dun Concerto Solidario, unha iniciativa do Conservatorio Profesional de Música de Verín e da sua ANPA en colaboración con diversas entidades sociais da comarca. O evento busca recadar fondos e dar visibilidade ao labor de organizacións Femuro, Cáritas, Cruz Vermella, CDR Portas Abertas e a Asociación Española Contra o Cancro.
A programación do concerto inclúe as actuacións da Minibanda CMUS de Verín, a Banda de Música de Verín, o Coro do CMUS de Verín, a Coral de Verín e os acordeóns “Sons do Mestremiro”. Ademais, dende as 19:00 horas, os asistentes poderán visitar diversos stands informativos das entidades colaboradoras antes do inicio do concerto, previsto para as 20:00 horas.
O concelleiro responsable da área de Conservatorio, Diego Lourenzo, destacou a importancia deste evento: “Este concerto non só é unha mostra do talento musical do noso conservatorio e das agrupacións locais, senón que ademais pon en valor a solidariedade da nosa vila. Convidamos a toda a cidadanía a participar e a apoiar estas entidades que traballan a diario para mellorar a vida de moitas persoas”.
A entrada ten un custo de 5 euros e pódese adquirir no Auditorio Municipal e nos puntos de venda habilitados polas entidades solidarias colaboradoras.