
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte leva semanas traballando na organización dunha nova edición do Entroido deste barrio ourensán. Nas próximas semanas darase a coñecer o seu programa completo de actividades, que abarcarán dende o xoves 28 de febreiro ata o martes 4 de marzo.
Entre as novidades deste ano figura a organización de dous novos concursos. O primeiro deles será para escoller o cartel oficial do Entroido de 2025. Nesta ocasión o concurso ábrese a tódalas idades, e calquera persoa poderá presentar o seu cartel. O prazo para a presentación dos envíos rematará o día 31 de xaneiro e o gañador darase a coñecer a través das redes sociais o día 7 de febreiro. O premio será de 100 euros, que se entregarán ao gañador o luns 3 de marzo, durante os actos do pregón e antes do desfile de Entroido polo barrio.
As regras son as seguintes:
· Concurso libre e aberto a tódalas idades.
· Imprescindible que o cartel inclúa elementos relacionados co Entroido e co barrio da Ponte.
· Imprescindible que o cartel conteña unha adaptación da figura de Frei Canedo.
· Os deseños deberán enviarse vía mail en formato JPG e PDF a asociacionculturalfreicanedo@gmail.com
· Cada participante poderá enviar un único cartel.
· A asociación terá dereito a empregar o debuxo gañador e retocalo e readaptalo aos diferentes contidos nos que se empregue.
· cartel pasará a ser propiedade intelectual da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte.
Nesta edición, a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte tamén organizará un concurso de escaparates entre os negocios que desexen participar. O premio para o gañador serán 100 euros e un convite para dúas persoas para a cea do luns na carpa. Farase entrega do mesmo durante o pregón.
As regras son as seguintes:
· Poderán participar tódolos negocios que o desexen.
· Imprescindible que a decoración do escaparate conteña elementos relacionados co Entroido e con Frei Canedo.
· As inscricións deberán enviarase ao mail asociacionculturalfreicanedo@gmail.com indicando nome do negocio, dirección e teléfono de contacto.
· prazo para inscribirse remata o 24 de febreiro.
· xurado pasará a comprobar os escaparates a partir desa data e durante os días de Entroido.
· gañador darase a coñecer a través das redes sociais e por teléfono o venres 28 de febreiro.
Dende Frei Canedo destacan que estes concursos “buscan fomentar aínda máis a participación da veciñanza e dos negocios locais e sumalos a celebración do Entroido”. En vindeiras datas darase a coñecer o programa completo e o resto de concursos que se realizarán durante os días de Entroido.
Xoves de Comadres con grandes novidades
Unha das grandes novidades desta edición será a celebración da I Festa de Comadres do barrio da Ponte, que se realizará na carpa no parque situado debaixo de Ribeira de Canedo, e que como cada ano será o epicentro do Entroido no barrio. “Este ano decidimos abrir este evento a todas as persoas que nos queiran acompañar”, explican dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte. A diferenza doutros anos, cando a festa de comadres estaba orientada a cofrades e achegados, nesta ocasión calquera que o desexe poderá participar na cea e na festa posterior, que contará con actuación musical.
En próximas datas darase a coñecer o menú da cea, o prezo da mesma e onde se poderán adquirir as entradas. O único requisito é acudir disfrazado de muller.