
Polos vieiros do humor continúa a traxectoria de Gargallada Teatro. A compañía valdeorresa ultima os preparativos da súa nova obra “Alimañas”, que se estreará o 1 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco. Ademais haberá unha nova función o 2 de novembro.
Con dirección de César Goldi e Manuel Caramés, a montaxe achega a historia de Mara, “unha vella estrela de cine que vive retirada na súa mansión xunto co seu marido e o director e a guionista das películas que lle deron tanta fama”. Esa convivencia muda cando Mara decide vender a súa casa.
Trátase dunha comedia de humor negro, cun guión orixinal de José Martínez Suárez adaptado por Gargallada, “apta para sorrir, que amosa con ironía amarga e cruel como o ben e o mal están presentes na condición humana, de tal modo que o crime pode chegar a interpretarse como un xogo infantil”, din dende a compañía.
“Alimañas” conta cun elenco formado por Aurora Fernández, Xosé Lois Conde, Reyes Limia, Manuel Caramés, Carmen Hernández, Manuel González e Álvaro Baños.
Da iluminación e son encárgase Vanesa Yáñez (Ton& Son), da cartelería Ana Redondo, da carpintería Raúl Veleda, da escenografía Luis E. Rodríguez Coquixo e Manuel Caramés e da fotografía vídeo Víctor Santos. A compañía agradece a colaboración de Cristina Benito, Conchi “Mayayo”, Charo López e Xocas Miranda.