
O Concello de Ribas de Sil vén de publicar a programación cultural do verán 2025, deseñada con actividades para todos os públicos e pensada tanto para os veciños como para os visitantes, que abrangue desde o 19 de xullo ata o 20 de setembro, con propostas variadas que combinan tradición, entretemento e posta en valor da historia local.
Un dos eixes principais da programación está formado por actividades familiares organizadas en colaboración co programa ‘Galescena’ da Axencia Galega das Industrias Culturais, como contacontos, monicreques, teatro infantil e circo, con propostas do Home Orquestra, Duende Circo, Cé Orquestra Pantasma ou O Grúfalo
Estas actividades desenvolveranse no anfiteatro da praia fluvial, sempre ás 20 horas, un espazo ao aire libre ideal para compartir cultura en familia.
A música tamén estará presente con propostas como o concerto do grupo Gin Toni’s o 24 de xullo ás 23:30 horas na praia fluvial, así como actuacións de orquestras e música en directo para todas as idades. As festas de verán, que se celebrarán do 14 ao 17 de agosto, contarán cunha programación especial que se anunciará proximamente nas redes do Concello.

Como novidade deste ano, o Concello de Ribas de Sil pon en marcha as ‘Conversas de verán’, encontros a pé do Sil, na área exterior da Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio, todos ás 21 horas. Estas conversas, dirixidas polo mestre local Manuel Cao, están pensadas para xerar un espazo de participación cidadá, de lembranza e posta en común de historias locais. Terán unha duración aproximada de 45-50 minutos. Este ciclo abordará temas como:
• A historia do ferrocarril en San Clodio (23 de xullo).
• A memoria da praia fluvial e acontecementos históricos (31 de xullo).
• A relación da familia Batanero co pobo de San Clodio (22 de agosto).
• O accidente do Salto (4 de setembro)
Completan a oferta cultural as visitas guiadas ao Centro de Interpretación da Minaría Aurífera Romana (sábados e domingos ás 12 e 14 horas) e os campamentos de verán para nenos e nenas durante a semana. “Con esta ampla programación, Ribas de Sil ofrece un verán cheo de cultura, identidade e encontro”, aseguran dende o Concello, convidando a toda a veciñanza e ás persoas que os visitan a “participar e desfrutar dun verán diferente, á beira do Sil”.
