ConcellosRibas de SilÚltima hora

Convenio de 156.000€ entre o Concello de Ribas de Sil e a Deputación de Lugo para mellorar infraestruturas e servizos públicos no municipio

Permitirá, entre outras actuacións, mellorar a mobilidade en Figueiredo, renovar o alumeado en San Clodio e reforzar redes de abastecemento e saneamento

 

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración destinado a mellorar infraestruturas e servizos estratéxicos no municipio. O orzamento total deste acordo ascende a 156.000 euros, dos cales a institución provincial aporta 100.000 euros á entidade local.

Carmela López destacou que este acordo enmárcase no compromiso do Goberno provincial de cooperación cos concellos e subliñou que “este tipo de colaboracións permiten que municipios pequenos como Ribas de Sil poidan acometer investimentos en dotacións e servizos que, doutro xeito, serían difíciles de asumir e que teñen un impacto directo no benestar dos seus veciños e veciñas”.

Entre as actuacións previstas inclúese o acondicionamento da estrada de acceso a Figueiredo, na parroquia de Piñeira, cun investimento próximo aos 60.000 euros. Os traballos realizaranse nun treito de 1.130 metros e consistirán na limpeza de cunetas, a mellora da drenaxe e a rehabilitación do firme con aglomerado en quente.

O acordo contempla tamén a mellora con da Rúa do Sil, no núcleo de San Clodio, onde con 21.260€ se levarán a cabo obras de reposición de beirarrúas e pasos elevados e a construción de dous badéns. Ademais, instalarase nova sinalización horizontal e vertical e sinais LED que marcarán as marxes do pavimento.

No ámbito da eficiencia enerxética, renovarase o alumeado público e a instalación de luminarias na aldea da Fraga e no paseo da praia fluvial de San Clodio. Cun investimento de case 18.000 euros, esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético e mellorar a seguridade nestes espazos públicos.

No lugar de Barreiro, na parroquia de Nogueira, ampliarase a rede de saneamento para dar servizo a todas as vivendas existentes con 11.000€; mentres que en Vilardonas, na parroquia de Ribas de Sil, renovarase con 13.600€ un tramo da condución de auga que conta con máis de 50 anos de antigüidade e que non garante o caudal suficiente, especialmente nos meses de verán debido ao incremento da demanda.

Por último, o investimento tamén servirá para a adquisición de equipamento municipal por preto de 15.000€ para eventos culturais e festivos, así como material destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, incluíndo camas articuladas, guindastres e cadeiras adaptadas, co obxectivo de mellorar a atención ás persoas dependentes no seu domicilio.

Así mesmo, preto de 17.400€ irán destinados á celebración de actividades culturais e deportivas no municipio, entre elas a Festa do Viño e a Festa da Xuventude, co fin de fomentar a dinamización social, cultural e económica de Ribas de Sil.

Back to top button