EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Convocado o concurso para escoller o cartel da XXVI Feira do Viño de Valdeorras

A data límite de recepción finaliza ás 12:00 horas do día 24 de abril de 2025 e o cartel ganador recibirá 1.000 euros

Imaxe dunha edición anterior da Feira do Viño de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras vén de convocar o Concurso de Carteis para escoller o carte que ilustrará a XXVI Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará do 31 de maio ao 1 de xuño. Trátase dunha convocatoria aberta a todos os interesados en participar, veñan ou non do ámbito artístico, que deberán confeccionar unha obra que poña en valor, dunha maneira gráfica, o “saber facer único” do sector vitivinícola desta comarca.

Para participar, a única condición indispensable é a de que o material presentado sexa inédito. Ao concurso poden presentarse un máximo de tres propostas diferentes. O tamaño do cartaz orixinal será de 43 x 63 centímetros en posición vertical.

Os carteis deberán presentarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp), e a proposta enviarase por email á dirección comunicacion@dovaldeorras.com, indicando nome, apelidos, enderezo e número de teléfono do autor. A data límite de recepción de propostas rematará ás 12:00h do día 24 de abril de 2025.

O texto que deberá conter a proposta gráfica será:

XXVI Feira do Viño de Valdeorras
31 de maio e 1 de xuño
Praza Ramón Otero Pedraio, Viloira
O Barco de Valdeorras

Nas propostas poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc. Os carteis deseñados en ordenador deberán ter unha resolución mínima de 300 ppp, a un tamaño real de 43 x 63 cm.

Concederase un único premio de 1.000 euros. O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo do deseño, a comunicación e a arte, así como por un representante do Consello Regulador. O fallo do concurso farase público, en principio, na semana do 28 de abril.

A obra premiada quedará en propiedade do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

A organización da XXVI Feira do Viño de Valdeorras poderá efectuar cantas reproducións precisen do cartel que obteña o premio e difundilo polos medios de publicidade que estime convenientes. Durante o proceso de pre‐impresión incluiranse no cartel premiado os logotipos oficiais das entidades organizadoras e para iso contarase co asesoramento do propio autor. A organización da Feira do Viño de Valdeorras resérvase a posibilidade de realizar calquera modificación no cartel anunciador gañador, sempre que iso non supoña unha alteración substancial do mesmo e conte co permiso do autor para as ditas modificacións.

A participación neste concurso comporta a aceptación destas bases nas que se inclúe a entrega dunha factura polo importe do premio ao Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Toda a información das bases do concurso atópase na web do Consello Regulador:

https://dovaldeorras.gal/gl/bases-do-concurso-de-carteis-para-a-xxvi-edicion-da-feira-do-vino-de-valdeorras/

Back to top button