CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Córgomo Arte, doce anos apostando por facer do rural un espazo para a creación actual

Ata o vindeiro 5 de xaneiro poderá visitarse a mostra "Fendas" na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín)

 

Arranca unha nova edición do proxecto Córgomo Arte, e xa van doce. Unha iniciativa promovida polos escultores valdeorreses Conde e Torino que supón unha aposta por facer do rural un espazo para a arte actual. Cobra vida cada mes de decembro. E así acontencía na tarde deste sábado día 7 na Sala Conde e Torino de Córgomo (Vilamartín).

Desta volta a proposta expositiva leva o título de “Fendas” e busca abrir “gretas de esperanza nun presente que non esperta moita fe no futuro”. Reúne as obras de oito creadores. Así, ademais das esculturas de Manuel Conde e Victorino Núñez “Torino”, poderán verse obras doutros seis artistas: Roberto Álvarez, Noé Blanco Carracedo, Arturo Ceide, Elías González Araújo e Mauro Leivas, así como de Sabela Arias Castro como artista convidada.

 

 

Con respecto a esta última creadora, os organizadores apuntan que, “a súa é unha participación moi especial, xa que encarna mellor ca ninguén a forza, resiliencia e esperanza sobre a que reflexionamos desta volta. As obras que trae a Córgomo son as primeiras que realiza tras pasar por un duro trance, son unha introspección persoal ante a adversidade, un renacer á arte e á vida”.

 

 

Os artistas abordan o tema proposto, “Fendas”, desde diferentes perspectivas e utilizando diferentes técnicas,” co propósito de remover e cuestionar a nosa responsabilidade individual nesta sociedade que nos abafa”, en palabras da comisaria da mostra, Silvia Fiallega. “Fendas” permanecerá aberta ata o 5 de xaneiro de 2025. Coma cada ano, poderá verse fins de semana e festivos das 10:00 h. ás 22:00 h.

Fotos: O SIL.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button