CulturaCulturaÚltima hora

“Corre o vento”, filme sobre Vilar do Courel, Premio MICE ao Mellor filme galego

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego outorgaba este mediodía os galardóns da súa vixésima edición

Foto premiadas e equipo 20 MICE: Coral Piñeiro.

 

Eros, o documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil, fíxose co Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica na vixésima edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo. Un galardón que, a través dun vídeo de agradecemento, a cineasta quixo dedicar ás persoas que compartiron con ela e co público a súa intimidade na película. Ese exercicio etnográfico entendido como un proceso participativo foi precisamente unha das cuestións que valorou o xurado, que destacou da peza a súa maneira de “naturalizar algo tan socialmente construído como o sexo. Na cama, as e os participantes do filme falan de pracer, pero tamén de amor, relixión, política ou diversidade sexo-afectiva, algo que so é posible no espazo de seguridade que ofrecen estes moteis”.

Ademais outorgábase unha Mención Especial do xurado a Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina. Un “ensaio fílmico de gran relevancia, nun sentido universal e antropolóxico”, en palabras dun xurado que nesta edición estivo formado pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme – Festival Internacional de Cinema Rita Capucho.

O Premio MICE ao Mellor filme galego foi para Corre o vento, unha peza de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera que nos conduce até Vilar do Courel, unha pequena aldea que leva décadas resistíndose á desaparición. O xurado valorou o filme como un “exercicio cinematográfico de carácter poético, que indaga no lendario dun territorio, ao tempo que manifesta o baleiramento do rural”.

 

Fotograma do filme “Corre o vento”.

A peza fíxose tamén co Premio CREA, que entregou en nome do colectivo a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada. Recolleu os dous galardóns a actriz da curtametraxe Nuria Lestegás, quen agradeceu, en representación de todo o equipo do filme, a oportunidade de darlle voz ás persoas que habitan o Courel, porque “o silencio é a condena á escuridade”. No nome da directora e do director, apuntou ademais que o obxectivo da curta é precisamente “facer memoria e deixar testemuña pasada e presente do lugar onde vivimos, porque é crucial seguir tecendo unha rede de memoria que nos protexa do futuro”.

O Premio do Público era para a película Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. Un filme que mestura arquivos fotográficos, imaxes reais e testemuños de mulleres das rexións de Trás-móntesvos-, Beira, Alto e Baixo Minho que, entre os anos 1940 e 1980, chegaron á cidade do Porto para traballar como empregadas domésticas. A través dun vídeo, a cineasta fixo unha lembranza e recoñecemento a “todas as traballadoras do servizo doméstico que continúan a loitar por salarios dignos”.

O acto de entrega de premios desenvolvíase no Museo do Pobo Galego conducido pola escritora María Lado, quen expresou a satisfacción de participar “nesta edición tan especial da MICE” e apuntou a relevancia de que “sitios como este Museo sigan en pé”. No acto tomou a palabra tamén a directora da MICE, Ana Estévez, para agradecer a participación e o traballo de todo o equipo e das e dos cineastas nesta vixésima MICE que, segundo apuntou, contou coa participación de máis xente nova que anteriores edicións, amais de volver favorecer “importantísimos espazos de debate”.

 

Artigos relacionados

Back to top button