A GudiñaA MezquitaConcellosÚltima hora

Cribado de Covid mañá a 500 veciños da Gudiña e a 400 da Mezquita

Faranse en xornada de tarde, entre as 15.30 e as 19:00 horas, nos respectivos pavillóns municiais dos dous concellos, coa colaboración de dous equipos

Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizará mañá mércores un cribado poboacional selectivo aleatorio a 500 veciños e veciñas da Gudiña e a 400 da Mezquita, para detectar casos asintomáticos e coñecer mellor a situación epidemiolóxica destes dous municipios ourensáns nos que, pese as medidas de restrición, ainda mantiñan un elevado índice de incidencia.

O índice acumulado, a 14 días, é moi superior no caso de A Mezquita, cunha taxa de 782 casos por cen mil habitantes e 8 casos activos (a data de onte) menor na Gudiña, con dous casos activos de Covid19 e unha taxa de 159 casos x 100.000 habitantes, tamén a catorce días, na mesma data.

As mostraxes, por medio da recollida de mostras para PCR, terán lugar mañá, mercores día 3 de marzo, en xornada de tarde, entre as 15.30 e as 19:00 horas, nos respectivos pavillóns municiais dos dous concellos, coa colaboración de dous equipos formados por catro enfermeiras e dúas técnicos de coidados auxiliares de enfermería.

As persoas seleccionadas para a realización da proba foron convocadas mediante unha mensaxe de SMS, na que se lle indica a hora o lugar da mostraxe. Neste senso, novamente, desde o Servizo Galego de Saúde lémbrase a importancia de manter os datos de contacto actualizados, ademais de comprobar se estan dados de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas. Igualmente, prégase dar apoio aos achegados de maior idade, ou dificultades coas novas tecnoloxías, para comprobar se reciben o SMS de invitación.

Como vén sendo habitual, a proba será voluntaria, se ben, as autoridades sanitarias solicitan que participen todos e todas as convocadas, respectando as instrucións, en canto a horarios e medidas de protección e, por suposto, que non acudan en caso de non estar citados, estar en illamento por un diagnóstico positivo, posterior á convocatoria, ou de estar en corentena á espera do resultado dunha proba.

Sanidade matiza que estas mostraxes “non se deben confundir coas indicadas aos contactos directos ou estreitos dos pacientes positivos a COVID-19, que continúan realizándose por outra vía. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sanas e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado”.

Artigos relacionados

Back to top button