
A Concellería de Cultura vén de presentar a programación de actividades e actos que acollerá o Auditorio Municipal de Ourense para os meses de setembro e outubro. O artista Borja Quiza será o encargado de abrir a quenda mañá, cun concerto de boleros baixo o título do seu último espectáculo, “Alma, corazón e vida”. Será ás 21h na Sala Principal. O programa foi presentado esta mañá no Concello pola edil de Cultura, Belén Iglesias, e o técnico, Manuel Freire.
“Tratamos coma sempre de combinar fórmulas de espectáculos de éxito xunto co apoio á consolidación doutro tipo de estilos”, explicaba Iglesias. Así, xunto a nomes como Martirio, Goyo Jiménez ou Sarabela, o programa inclúe a IX edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia ou os Contos na Lareira de quico Cadaval e Cándido Pazó. Tamén se inclúe música, baile, cine, teatro, humor e espectáculos infantís.
O Concello decide presentar a programación cultural cada dous meses debido á cantidade de espectáculos cos que se traballa. “A información máis fiable é a curto prazo porque pode haber cambios”, sinalaba Freire. Sen embargo, avanzáronse algunhas das sorpresas para novembro, entre os que destaca un concerto en acústico de Los Secretos.