
Cupa Group vén de anunciar unha serie de cambios clave no seu equipo directivo co “obxectivo de impulsar a súa estratexia de transformación e crecemento”. A reorganización inclúe os nomeamentos de Eduardo Mera, ata o de agora primeiro executivo da área de negocio de lousa, como director xeral de Cupa Group, un cargo de nova creación, e os de Fernando Bandrés e Francisco Lorenzo á fronte de Cupa Pizarras e Cupa Stone, respectivamente.
Eduardo Mera asume desde hoxe a dirección dos negocios da compañía, formados por Cupa Pizarras, Cupa Stone, Burton Roofing, Vermont Slate e Thermochip, “para mellorar as sinerxías entre as distintas áreas operativas”, segundo a compañía. A súa etapa en Cupa Group comeza no ano 2000 como director financeiro de Ramilo. Despois de liderar á empresa granitera, en 2007 pasa a dirixir Cupa Stone, a división de pedra natural do grupo. En 2012, é nomeado director xeral de Cupa Pizarras e desempeña un rol fundamental para consolidar o liderado mundial, expandir o mercado e modernizar os procesos da filial, que conta actualmente con máis de 1.800 empregados en Galicia e Castela e León.
A substitución na primeira liña executiva de Cupa Pizarras tómaa Fernando Bandrés. Incorporado ao grupo en 2015 como director xurídico, Bandrés foi unha figura clave para fraguar entre 2020 e 2021 as operacións de adquisición de Lousas Galegas, Proinor, Lomba e Rinus Roofing. En 2022 pasou á xestión asumindo a dirección xeral de Cupa Stone, onde automatizou a súa fábrica de granito en Vigo, aumentado a súa rede de distribución coa apertura de novos almacéns España e Francia, e reforzado o posicionamento das súas marcas no sector do interiorismo.
Á fronte da área de negocio de pedra natural, substitúelle Francisco Lorenzo, director xeral de Ramilo, onde xa exerceu con anterioridade o cargo de máximo responsable comercial. Baixo a súa xestión, a empresa viguesa de granito expandiu as súas vendas en mercados internacionais como Reino Unido, Alemaña e Estados Unidos. Agora pasa a ser o primeiro executivo dunha área que tamén opera a través de canteiras en España, Francia, Portugal e Brasil, fábricas en España, Portugal e Brasil e unha trintena de centros de distribución en España, Francia e Portugal.
A configuración do renovado comité executivo complétaa a creación dunha nova dirección corporativa de ESG, baixo a dependencia do CFO de Cupa Group, Antonio Trincado, que será xestionada por Belén Díaz, a encargada de executar a estratexia para alcanzar os obxectivos ambientais, sociais e de goberno do grupo, que xa comezou a desenvolver en 2018 desde o cargo de responsable do sistema de xestión integrado de calidade e medio ambiente de Cupa Lousas.
Javier Fernández, CEO de Cupa Group, explica que estes nomeamentos “reforzan ao equipo directivo para iniciar un proceso de transformación coidadosamente deseñado que, estou seguro, dará un gran impulso á execución da nosa estratexia. Ademais, non podemos estar máis orgullosos de acometer os grandes retos que temos por diante impulsando o talento interno de catro persoas que demostraron ser grandes líderes, desde as súas respectivas áreas, e fixeron posible o extraordinario crecemento que experimentamos nos últimos anos”.