Un ano máis o Centro Comercial Aberto O Barco (CCA) e os Equipos de Dinamización Lingüística dos centros educativos barquenses (CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo, o Colexio Divina Pastora e os institutos Martaguisela e Lauro Olmo) e do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá xuntaban esforzos para poñer en marcha a campaña das Letras Galegas, adicadas neste 2024 á poeta e violinista coruñesa Luísa Villalta.
A campaña consistía na exposición de fotografías, realizadas polo alumnado con versos da poeta, nos establecementos do CCA participantes; e tamén nunha xincana polos establecementos na procura das fotos da campaña selando o folleto de participación no local correspondente. Na tarde deste mércores 12 de xuño entregábanse os premios (vales de compra para investir as librarías asociadas do CCA) aos alumnos galardoados, nun acto que contaba coa asistencia dos representantes dos centros educativos e do presidente do CCA, Jacobo Arias.
Antes da entrega, Jacobo Arias agradecía a nova edición desta iniciativa por parte dos centros de ensino, tamén valoraba moi positivamente a participación e confesaba que “cada ano resulta máis difícil escoller unha fotografía”. Ademais cualificaba de “impresionante a cantidade de folletos recollidos na xincana” e, nese senso, agradecía a implicación dos nenos e dos profesores e tamén dos establecementos asociados”.
Os premios (un vale de compra de 25 euros para material escolar) ás mellores fotografías expostas de cada centro educativo eran para Andrea Santos (Colexio Divina Pastora), Victoria Romero (IES Martaguisela), Leire Gil (CEIP Condesa de Fenosa), Martín Pereira (CEIP Otero Pedrayo), Irene Perea (Rubiá), Mía Torres (IES Lauro Olmo) e José Carrera (CEIP Julio Gurriarán).
Con respecto ao premio da xincana (que podía facerse entre o 14 e o 31 de maio), a papeleta sacouse en directo esta tarde. Entre todos os participantes na xincana sorteábase un vale de compra por 50 euros para investir nas librerías asociadas ao CCA (Caprichos, Librería Murciego, Praxis, Librería Yoli e Nós), co que resultaba agraciada María Rodríguez.
Fotos: A.R.