En portadaEntroido

Danza de Mázcaras no Fulión de Manzaneda

Numerosas persoas se achegaban ata Manzaneda para seguir o desfile de oito folións o Martes de Entroido

Os ritmos de bombos, cornas e aixadas do Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda) abrían, xunto coa colorista danza das súas Mázcaras, o desfile do Martes de Entroido na vila. Era o primeiro dos folións en dar unha longa ronda que comezaba nas proximidades do colexio, tras a tradicional petición de permiso.

De seguido, soaba o toque de Os Labregos (Trives), precedido polos saltos dos seus Boteiros, así como os da As Maceiras e o da Caniceira, tamén triveses. Ademais podía desfrutarse da singularidade das Mázcaras do Folión da Parroquia de Santa María de Cesuris, diferentes aos do resto do municipio, así como do intenso ritmo do Folión da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, acompañado ademais polos saltos e danzas dos seus Boteiros.

O Fulión da parroquia de San Martiño pechaba con intensidade e cos xiros incansables das súas numerosas Mázcaras este conxunto de rituais carnavalescos que tomaban a vila de Manzaneda na mañá do 17 de febreiro. O desfile finalizaba tamén á beira do colexio e, de seguido, público e membros dos folións desfrutaban dun xantar popular organizado polo Concello de Manzaneda.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button