
Encántalle debuxar dende sempre e o que máis o inspira á hora de facelo é o Entroido. Principalmente o de Viana, que é o que vive e coñece, pero tamén lle interesan as máscaras tradicionais desta festa noutros lugares. O vianés David Álvarez González, comezou a formarse como ilustrador e dende hai 7 anos desenvólvese como debuxante, tanto nesta celebración como noutros temas e empregando non só o papel e o ordenador, senón tamén as camisetas como soporte.
En xaneiro ganaba o concurso de carteis do Entroido de Laza co traballo “Entroido e Irmandade”, no que aparecen tres dos protagonistas principais da celebración: o Peliqueiro, a Morena e as formigas. Este traballo combina do debuxo a man co deseñor por ordenador, xerando unha imaxe moderna e ao mesmo tempo respectuosa coas raíces da celebración.
– ¿Por que lle gusta debuxar o Entroido?
Gústame debuxar o Entroido porque para min é a mellor época do ano, entón, sempre o recordo ao longo do ano e cada vez que me poño a debuxar. Se non teño idea de que facer ou se non estou inspirado, o primeiro que me sae é un Boteiro. Eu levo vivindo dende pequeno o Entroido de Viana, e nos últimos anos aínda máis. Sempre toco e o ano pasado vestinme por primeira vez de Boteiro e entón agora aínda o sinto máis.
– ¿Que tipo de elementos ou figuras do Entroido debuxa?
O que máis me gusta é o Entroido de Viana, pero en xeral gústanme todos os Entroidos, gústame a tradición, gústame que cada un teña unha identidade, unha maneira de ser, unhas figuras e o que me transmiten a mí… Non son persoas disfrazadas, eu cando vexo un Peliqueiro ou un Cigarrón ou calquera outra máscara, véxoa como un ser que ten un comportamente, unha actitude, unha maneira de ser, de correr, e iso a min transmíteme moito, como fose un ser si mesmo esa figura.
– ¿Que técnica emprega?
Primeiro debuxo a lapis, porque creo que é a mellor maneira de plasmar o que che saia, de ir facendo bosquexos ou incluso vas facendo calquera cousa pola rúa, e vénseche unha idea, pois ao mellor apúntoa para logo facer algo.
Despois, cando xa teño un bosquexo un pouco máis traballado a lápis, acostumo facelo en dixital, escáneoo ou fágolle unha foto, e píntoo en dixital cunha tableta gráfica. Outras veces si que podo utilizar rotuladores ou acrílico, ou calquera outra técnica…
– ¿Como definiría o seu estilo?
Eu miro moitas referencias, si que teño a miña maneira de facelo, por exemplo, cando debuxo non me gusta borrar, acostumo plasmar o que me sae de primeiras e, se non me gusta, empezou outro bosquexo. Tamén me apoio en fotografías ou outro tipo de recursos, e ao debuxar as máscaras non as fago como se fosen un home ou unha muller dentro dun traxe, debúxoas como se tratase dun personaxe, que ao mellor non ten as proporcións dunha persoa como tal, eu intento captar o que é esa máscara, a súa personalidade.
– ¿Que tipo de formatos?
Acostumo traballar os pequenos formatos e gustaríame probar a facer murais porque teño algunhas ideas e creo que é mundo moi bonito. E si que hai lugares que nos que os traballan moito, e que se publicitan con iso, pero na nosa zona non é así e si que me gustaría.
– O concurso de carteis de Laza, ¿era o primeiro ao que se presentaba?
No Entroido de Laza si, pero no de Viana presenteime en tres ocasións e, que eu saiba quedei segundo as tres. E si que no 2023 fixen o cartel da mascarada de Viana e de Vilariño e unha serie de debuxos de cada unha das máscaras que participaban, que eran unhas 90.
O de Laza xurdiu porque a principios de decembro estiven alí nunha aldeíña e na vila de Laza mesmo, porque eu toco nun grupo tradicional e fomos alí. Vendo e falando coa xente, comprobei que era un sitio de moita tradición de Entroido, de bares, de xastreu, de bica… un pobo moi enxebre e fixándome alí un pouco en todo descubrín unha serie de carteis moi antigos. Entón comenteille a un compañeiro meu que xustamente abriran o concurso e animoume a que me presentara a ver, e dende aquelas fun collendo a idea.
– Ao final o seu cartel foi o ganador.
Si, non mo esperaba tampouco, porque a parte de nunca ter ganado un concurso, tamén decidín facer un cartel diferente á liña dos que tiñan ganado anos anteriores. A maioría deles son a partir de fotografías e, cando a xente falou comigo para felicitarme, si que lles chocou iso, que non o fixera dunha foto e que lles parecía moi diferente.
– E nel plásmase a esencia do seu Entroido…
Eu creo que iso é o do máis complicado, porque ao mellor podes representalo dunha maneira e ti velo así, pero ao mellor para eles non representa iso.
– ¿A idea é continuar coa ilustración?
Si, vou seguir traballando no eido da ilustración e en diferentes propostas, ademais de no Entroido.
Máis información:
https://www.facebook.com/share/1FE5b4nN55/?mibextid=wwXIfr
https://www.instagram.com/tamborileiro?igsh=MTIxdHcwN2Q0dW5uOQ%3D%3D&utm_source=qr
Imaxes cedidas.