David D. Vázquez e Aurea Ochoa voltarán o vindeiro 23 de xaneiro ao CEIP Condesa de Fenosa do Barco, onde teñen exercido durante moito tempo a docencia. Pero non o farán para impartir clase, senón para presentar o novo libro que estes dous mestres xubilados veñen de publicar: “Mi Capitán… ¿a quién disparo? Diario de un republicano en el bando nacional”.
O republicano desta historia era o pai de Aurea Ochoa que escribiu un diario da súa experiencia vital durante a guerra, e que hoxe poderase ler “grazas a un exercicio da escrita onde a creación literaria e o respecto ao texto orixinal van da man para nos embargar co dilema moral que sofre o protagonista desta historia. “Queremos que este acto de presentación sexa o punto de arrinque do noso club de lectura de adultos que este ano vai ter como libro de referencia esta marabillosa, e ao tempo tan real, historia”, adiantan dende o colexio.
O acto, sumamente importante para o CEIP Condesa de Fenosa, está previsto para o vindeiro 23 de xaneiro no seu salón de actos ás 18h. Ademais dos autores da obra, contarase coa presenza de Aurelio Trincado e José Fernández.