David Olivieri tomaba posesión nesta mañá de 10 de agosto, como novo director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial do Concello de Ourense. Olivieri será o responsable da posta en marcha do novo Centro de Intelixencia Artificial do Concello en La Molinera. Este é un proxecto, asegurou Olivieri, “moi importante para a cidade, que vai ser un estímulo económico tanto para manter o talento como para atraer talento novo”.
Olivieri avanzou que desde o centro municipal “pretendemos crear novos tipos de empresas, novas startups, e tamén ser unha ponte tecnolóxica do que se desenvolve na Universidade, tanto a nivel básico como de proxectos, fronte ao sector privado”. O centro ourensán buscará tamén “captar fondos públicos das diferentes administracións e enlazar con empresas internacionais, e traer algunhas aquí”, sinalou.

Os pasos máis inmediatos serán a contratación de persoal para que desenvolvan o seu traballo en La Molinera, “definir moi ben o proxecto e ter unha comunicación cos distintos actores na sociedade” para poñer en marcha o proxecto “canto antes”.
O nomeamento de Olivieri foi aprobado pola Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense na súa sesión do pasado xoves, 6 de agosto. David Olivieri é licenciado e doutor en Física pola University of Massachusetts, ambos títulos homologados polo Ministerio de Educación, e máster en Fotónica e Tecnoloxía do Láser pola Universidade de Vigo. É profesor contratado doutor de Linguaxes e Sistemas Informáticos no Departamento de Informática da Universidade de Vigo.