PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez: “O Castelo de Monterrei é da xente e non do mercado”

Este deputado ourensán de En Marea valoraba, xunto a membros da Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, a sentenza do Supremo sobre o PXOM desta localidade
O deputado autonómico Davide Rodríguez (segundo pola esquerda) durante a reunión que mantiña no pasado mes de novembro xunto a Luís Villares, con membros da plataforma en defensa do castelo de Monterrei.

Dende a explanada do Castelo de Monterrei, o deputado autonómico de En Marea Davide Rodríguez, de Manzaneda, valoraba na mañá do 23 de decembro, acompañado por representantes da plataforma en defensa desta fortaleza, a sentenza do Tribunal Supremo relativa ao plan xeral ordenación municipal (PXOM) de Monterrei.

Para o parlamentario esta sentenza, “que anula o PXOM, dá a razón aos veciños e veciñas na súa loita contra a expropiación dun ben público e cultural como é o Castelo”. Asemade destacaba que “o Castelo é da xente e non do mercado” e lamentaba que teña que ser a cidadanía quen soporta os erros da precipitación política para defender os intereses privados.

“O Patrimonio cultural e histórico forma parte de nós, defínenos e sitúanos como colectivo polo que non é tolerable que sexa sometido ás lóxicas do mercado para goce duns poucos e beneficio dos de sempre. Dende En Marea apoiamos e apoiaremos a mobilización da veciñanza de Monterrei para recuperar o que é dela: o seu Castelo”, destacaba Davide Rodríguez.

Así mesmo chamaba a asumir responsabilidades aos responsables da concesión e non tentar cargar en outros as consecuencias dos seus erros. O deputado de En Marea consdieraba ademais “imprescindible que as tramitacións de Urbanismo deben respectar os dereitos da cidadanía e atender unicamente aos seus intereses”.

Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña xunto á Praza de Abastos nº 2 de Ourense.

A última hora da mañá, Davide Rodríguez, xunto a tamén parlamentaria de En Marea Ánxeles Cuña, e varios concelleiros de Ourense en Común reuníanse con varios comerciantes do barrio da Ponte, para buscar unha solución á parálise da Praza de Abastos n.2 de Ourense, que leva dous anos pechada tras un investimento de 2 millóns de euros.

Os parlamentarios de En marea comprometéronse a trasladar ao Parlamento de Galicia a “necesidade urxente de poñer en funcionamento” esta praza, medida que dinamizaría o comercio de proximidade do barrio.

Artigos relacionados

Back to top button