Continúan as actividades do proxecto “Rebrota Silbina”, promovido polo GDR Sil-Bibei-Navea coa colaboración dos concellos participantes. Desta volta tratábase dunha ruta polos concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa, na montaña ourensá, cunha interesante programación e 40 participantes de diferentes partes de Galicia.
As 9:15h. da mañá do domingo 6 de setembro partía a ruta de sendeirismo interpretada dende a Finca A Mata, no concello de Manzaneda, facendo un percorrido polas fermosas ladeiras do canón do Bibei e desfrutando de espectaculares panorámicas sobre as serras orientais ourensás e camiñando, por veces, entre viñas e monumentais castiñeiros, mesturados con aciñeirais e reboleiras.

A ruta completouse cun percorrido polos viñedos en socalcos da Adega Ladeira da Mata, onde Fernando e familia, acompañaron ao grupo e agasallaron con apaixoadas explicacións sobre a historia desta finca e do seu traballo diario.
Xa de volta na adega, visitábase o pequeno museo, dentro da propia instalación vitivinícola, onde conservan e expoñen interesantes elementos etnográficos relacionados coa viticultura en tempos pasados. A visita á Adega Ladeira da Mata completouse cunha cata de viño e un mercadiño no que as persoas participantes puideron adquirir os produtos da Mata.

O grupo desprazouse despois ao veciño concello de Chandrexa de Queixa para desfrutar dunha espectacular degustación de produtos locais, preparada polo persoal de Casa González, en Celeiros. Entre os produtos que puideron degustar as persoas participantes non faltou a tenreira da zona, o mel, os cogomelos Shitake de Trives, queixo, requeixo, embutidos e por suposto a bica para o remate.
A actividade remataba cunha interesantísima exposición e charla por parte do biólogo e apicultor queixelao Rubén Fernández, que desenvolve a súa actividade nos montes da Serra de Queixa.
Fotos cedidas.