
Un total de 13 establecementos de hostalaría participarán no II Concurso de Tapas Micolóxicas que se celebrará do venres 11 ao domingo 13 de novembro. “Cada un dos locais (San Martín, O Cafeto, A Viuda, Quintela, Casanova, O Paíño, Cantina do Catro, Boliche, Os Manolos, O Bodegón, Ardora, Sky, Troula) elaborará unha tapa diferente con base de cogomelos. En cada local participante disporase de urnas e papeletas para que vote o xurado popular”, explican dende o Club Montaña Trives, promotor da iniciativa.
Cada tapa terá un prezo único de 1,5 euros. Ademais se a papeleta dos participantes está selada por máis de catro locais entrará nun sorteo que se celebrará na praza do Reloxo de Trives o domingo día 13 ás 17h.
Nesa mesma fin de semana a vila acollerá as XVII Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives. O programa encetarase o sábado día 12 ás 9:30h. cunha charla impartida pola Asociación Os Cogordos de Ourense no Auditorio Julio Vázquez. Logo, ás once, os asistentes sairán ao campo na procura de cogomelos. Xa pola tarde, a partires das catro, os exemplares reunidos entregaranse no patio interior da Casa Grande de Trives para a súa identificación e clasificación. Con eles farase unha exposición. O día completarase cunha cea gourmet no Hostal A Viuda ás 21:30h. O prezo desta cea será de 25 euros e estará formada por cinco pratos con diferentes cogomelos.
As xornadas proseguirán o día 13 coa apertura da exposición de cogomelos que poderá visitarse de 10h. a 13:30h. e de 16h. a 18:30h. As persoas interesadas en inscribirse nas xornadas poderán en club.montana.trives@gmail.com ou na Oficina de Turismo de Trives.
Texto: A.R.