EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Décimo aniversario do festival enomusical “Ribeiro Son de Viño”, en San Vicente do Mar

Jaime Urrutia, Davide Salvado, Chris Jagger, Duendeneta DJ e Merino protagonizarán esta edición

 

O C.R.D.O. Ribeiro organizaba unha completa xornada para celebrar a décima edición do xa coñecido festival enomusical Ribeiro Son de Viño. O evento, que inclúe concertos de coñecidos artistas do horizonte musical combinados con degustacións de viño, celebrarase o sábado 8 de xullo na contorna paradisiaco do Náutico de San Vicente do Mar, O Grove, Pontevedra, en horario de 12h. a 23h.

Esta mañá realizábase presentación oficial do festival no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense) cun acto no que o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, desvelaba todos os detalles do evento e engadía que “se trata dunha das nosas grandes apostas. Esta acción promocional, xunto cos Premios D.O. Ribeiro, o ciclo Cata a Arte e a Feira do Viño do Ribeiro, son as máis consolidadas e esperadas polo público de todas as impulsadas polo Consello Regulador”.

Esta edición contará coa presenza en directo de Jaime Urrutia e o seu rock de toda a vida, tamén estará Davide Salvado e a súa música tradicional galega. Chris Jagger ofrecerá a súa combinación de rock, country e folk e tamén se poderá gozar da sesión de boa música da Duendeneta DJ, así como do pop con toques indie de Merino.

A xornada, que terá lugar no recinto pegado á praia da Barrosa, ofrecerá aos asistentes a oportunidade de gozar de magníficas actuacións musicais en directo mentres gozan dos viños de cinco adegas: Adega Viña Carpazal, Adega Eduardo Pena, Adegas Villanueva, Eduardo Bravo e Viña Costeira. O público asistente poderá adquirir o viño (por copa ou por botella) directamente nos mostradores individuais de cada unha das adegas.

As entradas, cun prezo de 15€ (máis gastos de xestión), poderanse adquirir na páxina web do Náutico de San Vicente. A venda estará limitada a un total de 400 entradas e está permitido o acceso a menores acompañados.

A organización do festival anima a participar para brindar cos mellores viños pola positividade, a boa música, e por seguir gozando dun dos plans imprescindibles do verán galego.

Entradas para Ribeiro Son de Viño San Vicente á venda en:
https://nautico.entradas.plus/entradas/es/evento?idEvento=13774&idSesion=275116

Artigos relacionados

Back to top button