ConcellosÚltima hora

Dende mañá e ata novo aviso, a Xunta prohibe as queimas agrícolas e forestais de particulares

Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir de mañá luns, 15 de abril

 

A partir de mañá, luns 15 de abril, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso, tal e como vén de informar a Xunta de Galicia. “Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste luns”.

Así mesmo a administración galega sinala que a “decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control”.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este luns e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Artigos relacionados

Back to top button