ConcellosÚltima hora

Dende o venres 22 de marzo quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais feitas por particulares

Así o vén de comunicar a Consellería do Medio Rural que indica que "isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir de mañá venres, 22 de marzo"

 

A partir do venres 22 de marzo quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso, segundo vén de informar a Consellería do Medio Rural. “Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste venres”, indica a consellería

A decisión tomouse tras “avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control”.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este venres e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Artigos relacionados

Back to top button