EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Deputación aproba as bases para a concesión de axudas á Viticultura

Publicidade
A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 200.000 euros, sendo o importe máximo de cada axuda de 50.000 euros
Montserrat Lama deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno de hoxe.

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada hoxe, 22 de xaneiro, aprobou as bases reguladoras das convocatorias dos concursos para a concesión de axudas aos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe Vitivinícolas para accións de promoción e xestión, todas elas correspondentes ao exercizo 2018, así como as bases das subvencións para entidades sen ánimo de lucro e a concellos para a organización de actos e eventos culturais e festivos. Así o anunciou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno.

En materia de viticultura, estas subvencións, explicou Lama, serán destinadas a accións de promoción e xestión, é dicir, para todos aqueles proxectos que teñan por obxectivo promover e dinamizar este sector económico.

A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 200.000 euros, sendo o importe máximo por axuda de 50.000 euros por cada beneficiario. O prazo para presentar as solicitudes comeza a partir da publicación das bases na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o día 28 de febreiro de 2018.

No eido das subvencións para proxectos e actividades culturais e recreativas promovidas por entidades sen ánimo de lucro da provincia, aprobaron un total de 120.000 euros, sendo a contía das axudas un máximo do 50% do custo total de cada proxecto, sen que ningún beneficiario poida obter un importe superior a 10.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras das axudas para o financiamento de proxectos de actividades cultura e recreativas, neste caso promovidos por concellos da provincia de Ourense, e que se realicen no ano 2018. Para este campo, aprobouse un orzamento de 100.000 euros, sendo a contía das axudas, como máximo, o 50% do custo do proxecto para os concellos de máis de 5.000 habitantes e do 70% para aqueles que teñan menos de 5.000 habitantes. Asemade, ningún beneficiario poderá obter máis de 10.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

Por último, continuando no capítulo de cultura, aprobáronse as bases para a regulación da concesión de axudas para o financiamento de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privas, que se desenvolvan na provincia de Ourense e que se realicen durante o ano 2018. Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de tres proxectos.

A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 80.000 euros, sendo o importe máximo por axuda do 70% do custo total de cada proxecto, non podendo obter ningún beneficiario, axudas por importe superior a 20.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

Todas as solicitudes poderán presentarse até o 28 de febreiro do presente ano.

Deporte

No apartado deportivo, aprobaron unha axuda por importe de 216.000 euros para o Club Ourense Baloncesto, para o fomento do deporte.

Artigos relacionados

Back to top button