OurenseÚltima hora

Deputación e Xunta colaborarán na posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, mantiveron esta mañá en Santiago unha reunión na que acordaron colaborar para axilizar a posta en marcha do transporte metropolitano entre a cidade das Burgas e os concellos da súa área. Á xuntanza tamén asistiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Este encontro inscríbese na serie de xuntanzas que está a manter o titular do Goberno galego cos alcaldes das grandes cidades e cos responsables dos entes provinciais que así o teñen solicitado.

Durante a xuntanza, a administración autonómica e a provincial afondaron nas distintas liñas de cooperación institucional que manteñen abertas e avanzaron que nas próximas semanas asinarán dous novos convenios de colaboración. O primeiro deles destinarase á mellora de centros educativos, e contará cun importe total de 600.000 euros. O segundo acordo impulsará un Plan de infraestruturas deportivas para a provincia, e estará dotado cun millón de euros.

Ademais, abordaron outros asuntos de interese para a provincia, como a fase na que se atopa a tramitación de cara á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola Unesco; a entrada do AVE; ou a colaboración de Xunta e Deputación para o sistema de neve artificial da estación de esquí de Manzaneda.

Artigos relacionados

Back to top button