
Os deputados do grupo do PP no Congreso, Miguel Viso e Cristina Campero, veñen de anunciar a presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa a través da que se demanda ao Goberno de España que impulse dunha vez a execución da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, por tratarse dunha infraestrutura estratéxica para acceder á Meseta desde o interior da Comunidade galega, vertebrando as comarcas de Valdeorras, Quiroga e Lemos das provincias de Lugo e Ourense.
Nun encontro celebrado a finais desta semana coa presidenta local do PP no Barco de Valdeorras, Inmaculada Rodríguez, e con concelleiros populares neste municipio, os deputados apuntaban que “o Goberno central nin avanza na planificación dos tramos necesarios para impulsar a A-76 nin habilita os investimentos correspondentes”, e referencíase á “negativa do Ministerio de Transportes a facilitar información algunha sobre o estado da tramitación desta autovía e as previsións reais para a súa execución”.

Miguel Viso e Cristina Campero lembraron que esta autovía foi considerada como prioritaria pola patronal das empresas construtoras (Seopan) nun informe sobre as actuacións a acometer polo Estado no horizonte 2024-2035.
A esta demanda sumouse o recente informe realizado polo Eixo Atlántico sobre infraestruturas viarias e ferroviarias da Eurorrexión, no que se pon de manifesto que, “vinte anos despois da inclusión da A-76 no Plan Estratéxico de Infraestruturas do Transporte 2005-2020, non se ten materializado nin un só quilómetro desta autovía, que é reiteradamente reivindicada non só como conexión de Galicia coa Meseta norte, senón tamén como medio para acadar unha mellor comunicación de Valdeorras coa súa capital de provincia e o resto de Galicia”.
Fotos cedidas.