PolíticaÚltima hora

Deputados ourensáns do PP no Congreso: “O Goberno non ten vontade de repoñer as paradas suprimidas na Gudiña”

Así o aseguran tras recibir unha resposta do Goberno á pregunta formulada sobre este tema no Congreso en decembro

Tren de alta velocidade na Estación Porta de Galicia, na Gudiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os deputados ourensáns do Partido Popular de Ourense, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron o 17 de decembro de 2025 unha nova pregunta por parlamentaria relativa á supresión das paradas dos trens AVE na estación Porta de Galicia da Gudiña.

Agora os parlamentarios veñen de recibir o 23 de febreiro á resposta á mesma por parte do Goberno que, segundo indican os populares, textualmente é a seguinte:

“_Renfe reforzou o pasado 9 de xuño a conexión Galicia-Madrid con novos trens, máis prazas e redución nos tempos de viaxe._ _Así, a Operadora incrementou a 11 as circulacións semanais e ampliou a oferta ata alcanzar as 68.700 prazas, o que supón un crecemento do 109,3 % respecto a a oferta previa á incorporación do modelo S106 (maio de 2024). Esta mellora reflicte o firme compromiso de Renfe coa vertebración territorial e a mobilidade sostible.
_ _Ademais, a reorganización do servizo permitiu reducir os tempos de viaxe entre 15 e 22 minutos, mellorar a puntualidade e ampliar a oferta de servizos AVLO, o que se traduce en máis opcións, mellores prezos e unha experiencia de viaxe máis competitiva para os cidadáns.
_ _No caso concreto da Gudiña, a pesar de representar actualmente só o 0,69 % da demanda total do corredor, o novo esquema de servizos reforza a oferta de prazas e garante a mobilidade diaria dos seus habitantes
._ _Grazas á incorporación dos trens S106, con máis de 500 prazas por unidade, a oferta de prazas increméntase nun 35 % nun día laborable tipo. Ademais, a distribución homoxénea dos servizos —con saídas pola mañá, ao mediodía e pola tarde— asegura unha cobertura equilibrada ao longo do día, facilitando os desprazamentos cotiáns e contribuíndo á cohesión territorial.
_ _Con todo, Renfe revisa periodicamente os seus estudos de demanda. Se se detecta que a oferta non se axusta ás necesidades dos viaxeiros, analizaranse as posibilidades técnicas para adecuala, sempre baixo criterios de eficacia, eficiencia e sustentabilidade”._

Despois de recibir esta contestación do Goberno, a valoración que fan os populares, segundo indican na mesma nota de prensa, é que “a resposta do Goberno de Pedro Sánchez acredita que non teñen vontade algunha de repoñer as paradas suprimidas na estación da Gudiña e en Sanabria”.

Ademais os populares cren que o ministro Óscar Puente “volveu incumprir o que dixo o pasado mes de xaneiro cando asegurou que A Gudiña e Poboa de Sanabria recuperarían o tren matutino que suprimira Renfe”. E inciden ademais en que “asistimos a un desprezo maiúsculo aos miles de usuarios das comarcas ourensás de Monterrei, Viana, Valdeorras, Trives, Conso-Frieiras e A Limia”.

“Oito meses despois se queren tomar polas mañás o tren desde a estación da Gudiña non teñen máis opción que tomar un AVLO ás 12:06 para chegar a Madrid-Chamartin ás 14:08. É indignante que se diga que estes horarios garanten a mobilidade e que contribúen á cohesión territorial”, afirma Celso Delgado.

 

Back to top button