ConcellosTrivesÚltima hora

Descubrindo a beleza da “Fauna esencial”, nunha mostra fotográfica e solidaria en Trives

Poderá visitarse ata o vindeiro 29 de agosto na sala de exposicións do edificio Santa Leonor

 

Dende hoxe a Sala de Exposicións do edificio Santa Leonor da Pobra de Trives acolle a exposición fotográfica “Fauna esencial”, un percorrido pola beleza e a fraxilidade das especies máis representativas da nosa contorna natural.

A mostra propón unha viaxe enriquecedora pola diversidade da fauna da Península Ibérica. Está formada por 28 fotografías de gran formato realizadas polo naturalista Ezequiel Martínez, fotógrafo especializado en retratos naturais que colabora con numerosas publicacións especializadas. As imaxes van acompañadas de textos explicativos que recollen as características biolóxicas, do seu hábitat, costumes, alimentación, distribución xeográfica e os perigos aos que se enfrontan para a súa supervivencia. Para a súa elaboración participaron especialistas do Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación, Naturnova, que elaboraron unha información que comparte rigor e espírito divulgativo, accesible a todos os públicos.

Unha exposición con grandes retratos en primeiro plano dalgunhas das especies máis significativas da Península Ibérica coma o oso pardo, a cegoña, o voitre leonado, o gamo, o cervo, a curuxa e a aguia imperial.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Pobra de Trives, Abanca e Afundación, institucións que estaban representadas no acto inaugural da exposición, que tiña lugar hoxe ás 12h. Nel participaban a presenza da alcaldesa do Concello de Pobra de Trives, Patricia Domínguez; o concelleiro de Cultura, José Luis Vidal; o coordinador institucional de Abanca en Ourense e Lugo, Mateo Alonso; e o subdirector da oficina desta entidade na Pobra de Trives, Pablo Calderón.

 

 

 

“Queremos agradecer ao Concello de Trives as facilidades dadas para poñer traer esta exposición, que versa sobre todos as especies animais que temos e que tamén busca a concienciación para o seu coidado, que entra dentro da sostibilidade do planeta”, comentaba o coordinador institucional de Abanca, indicando tamén que, a parte do seu carácter cultural e medioambiental, a mostra ten así mesmo un cariz solidario. Neste senso, hai unha zona na sala na que os visitantes poden deixar alimentos que despois o Concello se encargará de facer chegar ás ONGs correspondentes.

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa de Trives, agradecíalle á Fundación Abanca que “nos acheguen ao rural algo que noutros tempos sería impensable, como é unha mostra desta envergadura”. Así mesmo Patricia Domínguez convidaba a veciños e visitantes a percorrela, tendo en conta ademais que “á causa medioambiental súmase a solidaria”.

Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 29 de agosto, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e os sábados e festivos en horario de 11.00 a 14.00 h.

Fotos: O SIL.

Back to top button