
A Consellería do Medio Rural destinou preto de 337.000 euros a desenvolver tres pasteiros en montes dos concellos de Chandrexa de Queixa e Manzaneda, que hoxe visitou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. As actuacións realizáronse nunha superficie total de 29,7 hectáreas.
O director xeral destacou a relevancia destes labores para impulsar o desenvolvemento rural e lembrou que redundan, ademais, de xeito moi positivo, na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ao tempo, á prevención de incendios forestais a través da gandaría en extensivo.
No caso de Chandrexa de Queixa, son dous os pasteiros rematados, ambos na parroquia de Requeixo. En primeiro lugar, o situado no monte veciñal en man común de Requeixo, realizado no ano 2022 e que supuxo un investimento de 91.338 euros, con actuacións en 9,9 hectáreas. Fixéronse labores de roza mecanizada, gradeo, encalado, aboado e sementeira, entre outros, así como tamén o peche perimetral en 1.600 metros lineais e a instalación dunha manga de manexo para o gando.
En segundo termo, o localizado no monte veciñal en man común de Castelo e Zamorela, no que se levaron a cabo labores semellantes entre os anos 2024 e 2025, tamén nunha extensión de 9,9 hectáreas, así como a construción dun peche gandeiro de 1.500 metros lineais. Neste caso o investimento superou os 116.000 euros.
Por outra banda, o pasteiro de Manzaneda, desenvolvido no período 2024-2025, sitúase no monte veciñal en man común de San Martiño de Arriba. Neste caso a extensión é tamén de 9,9 hectáreas e o investimento superou os 129.000 euros. Ademais dos labores propios para desenvolver o pasteiro (roza, sementeira e outros), construíuse un peche gandeiro cunha lonxitude de 2.000 metros lineais, instaláronse dúas portas de acceso ás distintas parcelas nas que se fixo o pasteiro e colocouse, asemade, unha manga de manexo.

Plan de pastos de Galicia
Estes pasteiros enmárcanse dentro do Plan de Pastos de Galicia, que dende o ano 2020 permitiu a mobilización de case 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento global de preto de 15 millóns de euros.

