CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Despois de medio século, a gaita dos Trintas de Trives volve soar

Publicidade
Durante a gravación dun video para o seu blog TradiGaita, o gaiteiro Diego Prieto tiña o privilexio de tocar este instrumento na Casa Museo trivesa onde se conserva

Tras publicar unha reseña sobre a traxectoria dos míticos “Os Trintas” de Trives no seu blog TradiGaita, o gaiteiro Diego Prieto, de Castro Caldelas, visitaba hai uns días cun amigo historiador a Casa Rural que leva o nome deste grupo, en Vilanova (Trives). Nela consérvase unha coidada colección relacionada cos Trintas e que inclúe diverso e interesante material, entre el, os seus instrumentos.

Normalmente a gaita dos Trintas só se pode ver a través dos expositores, pero Diego tivo a oportunidade de collela nas súas mans e, entón, foi inevitable a pregunta: “¿pódese tocar?”. E a resposta dende a casa non se fixo esperar “¿por que non?”. E non houbo máis que dicir, o gaiteiro collíaa e tocábaa. “Tratamos de facer soar a gaita, pero debido a que estaba sen o tapafolgos foinos moi complicado, así que finalmente optamos por tocar soamente o punteiro”, conta o músico.

O resultado sorprende e pode comprobarse vendo o video:
https://www.youtube.com/watch?v=RTZXUQ7WY3U&feature=youtu.be´

“Certamente para nós foi unha gran sorpresa comprobar o bo estado no que se conservaba a palleta da gaita”, comenta Diego, para quen supón todo un orgullo e unha gran emoción poder tocala medio século despois de que a usara este grupo, tendo ademais en conta, que “por alí teñen pasado grandes gaiteiros a documentarse sobre Os Trintas e non lles deixaron a gaita”.

Máis información:
tradigaita.blogspot.com.es

Fotos cedidas por Diego Prieto.

Artigos relacionados

Back to top button