ConcellosÚltima hora

Destrozan o pórtico de Luísa Villalta no Barco, obra do alumnado e profesorado dos centros educativos do municipio e de Rubiá

 

Apenas dous días despois de ser instalado no Paseo do Malecón do Barco con sumo coidado e moita ilusión, por parte do alumnado barquense e de Rubiá co fin de achegar á sociedade valdeorresa o especial vínculo da obra literaria de Luísa Villalta coa música, o pórtico adicado a esta poetisa era destrozado durante a pasada noite. Trátase dunha iniciativa coordinada dende os Equipos de Dinamización Lingüística dos 6 centros de ensino barquenses e do CEIP de Rubiá para conmemorar as Letras Galegas.

O pórtico, no que mesmo se colocaba un cartel pedindo respecto polo traballo do alumnado, aparecía destrozado, con anacos incluso nas beiras do río Sil. Tamén desaparecía a totalidade de instrumentos medievais que se recreaban e que estaban pendurados xunto a páxinas e debuxos con datos vitais e literarios da poeta.

 

O pórtico tras ser instalado na tarde do luns 20 de maio./ Foto cedida.

 

“Neste acto non só hai unha mostra de violencia gratuíta contra das iniciativas culturais que xorden dos centros educativos da nosa localidade, hai tamén un desprezo polo traballo da nosa xuventude, pola nosa cultura e a nosa lingua, ao tempo que se lle arrebata o dereito a toda a poboación de desfrutar dunha oferta cultural elaborada polo alumnado dos centros educativos da nosa comarca”, sinala Xoaquín Freixeiro, en nome dos equipos de Dinamización Linguística dos centros.

 

Aspecto actual do pórtico./ Cedida.

 

Ademais plantexa unha reflexión. “Non é raro que nas noites de fin de semana se destroce mobiliario urbano á saída do ocio nocturno, o que si é raro, e nos debería facer reflexionar, é a indeferencia con que moitos e moitas de nós, observamos iso e pasamos por diante dos destrozos coma se fose algo normal”. E anima á sociedade a “que recompoñamos o Pórtico, e realicemos un acto de desagravio á nosa Luísa Villalta, e que toda a poboación demostre, dunha vez por todas, que non queremos que uns bárbaros condicionen a nosa vida”.

Fotos: A.R.

 

Cartel que se instalaba pedindo respecto polo traballo./ Cedido.

 

Cedida.

 

Cedida.

Artigos relacionados

Back to top button