
A Garda Civil do Barco de Valdeorras detivo a dous veciños do Barco de Valdeorras, de 33 e 37 anos de idade, como “presuntos autores de delitos de roubo con forza en establecementos públicos no núcleo urbano do Barco”.
Tal e como explica, a Garda iniciaba as investigacións a finais do ano 2024, tras ter coñecemento dun incremento de roubos en establecementos do núcleo urbano do Barco de Valdeorras, que estaba a provocar unha gran alarma social entre veciños e propietarios de negocios.
A un dos detidos “impútaselle a autoría dun delito de furto dun patinete eléctrico e de 7 delitos de roubo con forza nas cousas cometidos en establecementos comerciais do Barco de Valdeorras, onde tras violentar os cristais cun sumidoiro accedía ao interior e apoderábase da recadación das caixas rexistradoras”, indican dende a Garda Civil. Ao outro detido “impútanselle 11 delitos de roubo con forza en establecementos comerciais e un roubo nunha Oficina Sindical ocorrido o pasado día 10 de xaneiro, á que accedeu escalo, entrando por unha xanela e onde se apoderou de varios computadores portátiles e unha caixa de caudais que contiña 1.900 euros”.
A investigación da Garda Civil puido constatar que “os patróns de conduta non coincidían en todos os ilícitos penais, podendo así determinar que se trataba de dous autores sen vinculación entre eles, que compartían nalgúns dos seus roubos o mesmo modus operandi (fractura de cristal con sumidoiro ou bombona de gas butano)”.
Os detidos contan con varios antecedentes delituosos, en gran maioría pola comisión de delitos contra o patrimonio, e foron postos ao dispor xudicial do Xulgado de Instrución do Barco de Valdeorras.