Ruta ciclista, obradoiros exposicións e sorteos, entre outras propostas do programa
Ao redor da bicicleta xirará a xornada do vindeiro 16 de agosto en Trives. Traxectos, actividades infantís, sorteos e mesmo unha exposición formarán parte do programa de actividades do Día da Bici. O acto central será un percorrido ciclista que partirá ás doce do mediodía da Finca da Barreira. Haberá un circuíto para os máis pequenos. As inscricións poderán realizarse xa dende as dez da mañá nese mesmo lugar.
Ademais haberá obradoiros de manualidades para os nenos, o sorteo de dúas bicis entre os participantes e unha mostra de bicicletas e fotografía de anteriores edicións desta actividade que promove o Concello de Trives. Para expoñer as fotos nesta mostra será necesario remitilas a deportes@concellodapobradetrives.com.