
O Consorcio de Turismo, en colaboración cos concellos, daralle continuidade ao servizo de autobuses lanzadeira, que se implementou de xeito piloto no verán 2023 e durante a pasada Semana Santa. Dende o mércores 17 de xullo e ata o sábado 31 de agosto estarán dispoñibles os servizos de autobús lanzadeira dende Castro Caldelas ao embarcadoiro de Abeleda e dende Monforte de Lemos ao embarcadoiro de Ponte do Sil.
“Tamén, dende o venres 19 de xullo habilitaremos o servizo de lanzadeira á Praia da Cova dende Escairón nos días e horarios máis concorridos segundo os datos arroxados polas probas iniciadas neste espazo en 2022: venres, sábados, domingos e festivos ata o 8 de setembro”, explican dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Os servizos serán gratuítos para os visitantes, xa que forman parte do proxecto iniciado no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, Axencia de Turismo de Galicia e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, tamén con participación das Deputacións Provinciais de Lugo e Ourense. Habilitarase a reserva previa a través da web do Consorcio (https://turismo.ribeirasacra.org/consorcio-de-turismo-ribeira-sacra) o vindeiro luns 8 de xullo.
Outros servizos lanzadeira
O Concello de Parada de Sil xa ten operativo o servizo de traslado ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (reservas a través da web do Consorcio).
O Concello de Nogueira tamén anunciará nos próximos días o formato e horarios do servizo de acceso en lanzadeira ao Mosteiro de Santo Estevo.
Ambos servizos foron iniciados polo Consorcio de Turismo no marco do Plan de Sostibilidade e agora a súa xestión recae nos entes municipais.


