ConcellosÚltima hora

DiverTrives 2018 porase en marcha o vindeiro 2 de xullo

Esta iniciativa lúdica e educativa que promove o Concello de Trives desenvolverase ata o 23 de agosto
Nenos participando nunha actividade da pasada edición de DiverTrives./ Foto cedida.

Actividades artísticas e culturais, sendeirismo, piscina, xinkanas, obradoiros, saídas en bicicleta, excursións… Serán algunhas das múltiples e variadas propostas das que desfrutarán os cativos que participen na nova edición de DiverTrives, que comezará o 2 de xullo. Trátase dunha iniciativa promovida polo Concello da Pobra de Trives que se prolongará ata o 23 de agosto, cun horario de 10:30h a 13:30h de luns a venres.

“Despois de varios anos e varias edicións debemos resaltar moi positivamente a importancia destas actividades para a cidadanía trivesa”, explican dende o Concello, destacando ademais que se trata dunha “oferta ocio-educativa e de tempo libre para as nenas e nenos nados entre 2006 e 2014, nun lugar para desfrute dos cativos, con milleiros de aventuras. O mellor xeito para pasar o verán en diversión e para que se coñezan entre eles, podendo estes asistir por días soltos, semana completa, todo o mes ou a duración total da actividade (do 2 de xullo ao 23 de agosto)”.

Este conxunto de actividades lúdicas e educativas busca ademais dar “a coñecer Trives e os seus arredores, facendo que os nenos e nenas teñan un contacto directo coa natureza”, segundo o Concello trivés. O prazo para anotarse en DiverTrives xa está aberto e as inscricións poden facerse na Biblioteca Municipal da Pobra de Trives (988 33 09 67).

 

Cartel desta edición de DiverTrives.

Artigos relacionados

Back to top button