
Ten sido o rostro da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) ao longo de 35 anos. A barquense Luisa López Cruz pecha neste outono unha longa etapa profesional como xerente desta entidade, que se constituía en asemblea xeral en marzo de 1990 para representar, xestionar, fomentar e defender os intereses empresariais, pero tamén da comarca, realizando propostas que repercutan no seu crecemento socioeconómico.
Tamén no marco da súa asemblea xeral, prevista para este venres 18 de outubro, AEVA renderalle unha homenaxe a López Cruz con motivo da súa xubilación. No seu labor como xerente estivo acompañada por diferentes xuntas directivas e por cinco presidentes, aos que lles amosa o seu agradecemento pola aprendizaxe que supuxo para ela esta intensa experiencia profesional e vital ligada á asociación.
“Penso que non merezo este recoñecemento, por iso vouno compartir con todas as persoas coas que traballei ao longo destes anos. Aprendino todo dos empresarios a nivel profesional, persoal e emocional. Teño moitísimos amigos grazas a AEVA, é certo que no meu traballo había cousas que me gustaban máis que outras, pero sempre desfrutei con el e tratei de facelo o mellor que sabía”, comenta.

Recén licenciada en Dereito, Luisa López incorporábase a finais de 1989, a través dunha beca, á Confederación Empresarial de Ourense (CEO) co fin de formarse de cara a posta en marcha do que sería AEVA. “Empecei en Ourense e formeime para aprender a manter relacións coas administracións públicas e para realizar asesoramento empresarial. Dende alí tamén traballaba para facer captación de asociados e para formar os sectores. Viñamos nas fins de semana o daquela presidente da CEO, Miguel Ángel Pérez, a secretaria xeral, Covadonga Toca e máis eu para facer as reunións sectoriais e constituír AEVA”. Lembra a forte unidade dos empresarios nese momento, que lle deron o seu respaldo sen dubidalo á nova asociación.
Dende entón ata agora, esta barquense nunca se desligou desta entidade. Como xerente viuna desenvolverse, con actuacións e proxectos no eido do asesoramento, pero tamén con demandas e accións reivindicativas tendo como principal cabalo de batalla as infraestruturas da comarca, unha loita na que hoxe se continúa. Tamén se creou o centro de formación, co respaldo da CEO, e case ao mesmo tempo, creouse o servizo de orientación laboral.

Froito do labor de AEVA xurdiron tamén iniciativas como O Barco Centro Comercial Aberto, do que Luisa López tamén foi xerente moitos anos, a posta en marcha do Foro Valdeorras Século XXI, a recuperación dos Maios no Barco ou a Ruta dos Pinchos nesta vila, lembra.
Este outono pecha esta traxectoria persoal e profesional. “As circunstancias persoais fixeron que me decatara de que chegou o momento de dedicarme a min. Abro unha nova etapa vital, satisfeita despois de todos eses anos de traballo e moi agradecida, ademais é hora de que entre outra xente na xerencia, de que haxa relevo, savia e proxectos novos na asociación”, conclúe.
Fotos: Arquivo Carlos G. Hervella/ O SIL.