
A Asociación Valdeorras Vive promove dúas oportunidades Erasmus+nos próximos meses, que considera que pode ser “de gran interese para a mocidade da nosa comarca. Trátase de dous intercambios xuvenís internacionais, unha experiencia única para aprender, viaxar e coñecer mozos e mozas doutros países”.
O primeiro deles é Ring the Intersectionality (Intercambio xuvenil en Romanía), que se desenvolverá do 31 de marzo ao 13 de abril. Está dirixido a mozos e mozas de 16 a 26 anos. Terá lugar en Bran, Transilvania, Romanía. “É un proxecto centrado na diversidade e inclusión, con participantes de varias zonas rurais europeas”, indican dende Valdeorras Vive.

👉 Máis información e inscrición:
https://www.valdeorrasvive.org/detalles-y-registro-del-evento/youth-exchange-ring-the-intersectionality
Un segundo intercambio será Ouro e Orixes (Intercambio xuvenil en Carucedo, Semana Santa), entre os días 13 e 22 de abril. Contará con 30 participantes de 6 países (España, Estonia, Grecia, Ucraína, Xeorxia e Bosnia). Será nas Cabanas de Carucedo, xunto ás Médulas. “É un proxecto para explorar as lendas e tradicións populares como ferramenta para reflexionar sobre a diversidade cultural e os valores que nos unen”.

👉 Máis información e inscrición:
https://www.valdeorrasvive.org/detalles-y-registro-del-evento/youth-exchange-ouro-e-orixes
Tal e como concreta Valdeorras Vive, en ambos intercambios, todos os gastos están cubertos: transporte, aloxamento, manutención e actividades. Ademais, no caso de Romanía, cada participante de España conta cun reembolso de ata 395€ para cubrir os custos da viaxe.
Desde Valdeorras Vive animan “á mocidade da comarca a participar nestas experiencias internacionais, unha no extranxeiro e a outra moi preto de casa, que non só permiten descubrir novas culturas, senón tamén desenvolver habilidades persoais e profesionais nun ambiente de aprendizaxe único”.
Imaxes: Valdeorras Vive.