EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Eduardo Mera, director xeral de Cupa Pizarras, designado presidente da Comisión de Internacionalización da CEG

Ademais, Manuel Martínez e Alejandro Cruz, ex presidente e vicepresidente da CEO, respectivamente; están á fronte da Comisión de Infraestruturas

Eduardo Mera, director xeral de Cupa Pizarras e novo presidente da Comisión de Internacionalización da CEG./ Foto cedida.

 

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) vén de reactivar a sexta e última das comisións de traballo internas especializadas coa posta en marcha da de Internacionalización na que Eduardo Mera Cores, director xeral de Cupa Pizarras, estará á fronte como presidente. Así o vén de anunciar a Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

O sector louseiro está representado na comunidade galega polo Clúster da Pizarra de Galicia, entidade pertencente á CEO e da que tamén forma parte a empresa Cupa Pizarras. Para a provincia ourensá, onde Valdeorras é a comarca con maior produción de Galicia e o 60% do total nacional, este sector supón un auténtico motor económico polas cifras que proxecta en canto a empregos directos e indirectos, toneladas exportadas e facturación global.

A Comisión de Internacionalización da CEG –antes denominada de Relacións Internacionais- encárgase de facer seguimento da política de apoio á internacionalización das empresas, así como da Política Comercial da UE con terceiros países e propón iniciativas que fomenten a presenza das empresas de Galicia nos mercados exteriores. Constitúe tamén un órgano de información e órgano de consenso e posicionamento sobre as diversas actividades e iniciativas da Unión Europea.

O seu novo presidente, Eduardo Mera Cores, é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Administración e Dirección de Empresas por ICADE Universidade Pontificia Comillas e Programa Alta Dirección de Empresas de IESE Business School – University of Navarra. Director xeral de Cupa Pizarras (empresa líder mundial en lousa natural) desde hai 9 anos, traballou previamente no Departamento de Administración e Finanzas de Fadesa e en Controller, división industrial de Fadesa.

Comisións de Traballo da CEG

As Comisións de Traballo internas son órganos de asesoramento á CEG que se encargan do estudo e debate dos asuntos sectoriais e de política económica e laboral cuxos criterios e análises son sometidos aos órganos reitores da Confederación e serven de base para a actuación da patronal galega. Ademais, a través das Comisións mantense a interlocución coa Administración e con diferentes organismos e entidades no relativo ás actividades e políticas que lles son propias, tal e como se informa dende a Confederación Empresarial de Ourense.

Nos últimos días, a CEG poñía en marcha as outras cinco comisións que asesoran á entidade nos ámbitos máis relevantes do escenario económico-empresarial actual e nas que outros dous membros da CEO teñen unha actuación destacada. Trátase da Comisión de Infraestruturas, presidida por Manuel Jaime Martínez Rapela -ex presidente da CEO- e que conta con Alejandro Cruz Iglesias como vicepresidente (vicepresidente tamén da CEO e presidente do Polígono Barreiros).

As outras catro comisións son a de Competitividade da Empresa Galega e Fondos da Unión Europea con Jorge Cebreiros Arce –presidente da CEP- á fronte; a Comisión de Relacións Laborais, Formación e Emprego con Enrique Miguel Mallón Otero -secretario de Asime- como presidente e na que interveñen tamén como vogais o secretario da CEO, Jaime Pereira, (do mesmo xeito que os secretarios das restantes confederacións provinciais), e Rosa María Sánchez Gándara, vicepresidenta da CEO.

A Comisión de Emprendemento estará dirixida polo tamén presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo Fandiño e, finalmente, a Comisión de Dixitalización, Innovación e Economía Verde, que preside Francisco Couso Cantos –director rexional do Noroeste de Carrefour– e na que o empresario ourensán José Manuel Díaz Barreiros actúa como vicepresidente.

Artigos relacionados

Back to top button