
O actor Rafael Álvarez, “El Brujo” chega este venres ás 21,00 horas ao Teatro Lauro Olmo do Barco para presentar o seu espectáculo “Mi vida en el arte”, unha representación moi persoal de textos de grandes autores das letras do Século de Ouro. Faino recollendo os mellores versos da súa vida nas táboas. Rafael Álvarez, “El Brujo” non só protagoniza e dirixe “Mi vida en el arte”, senón que tamén é o autor das versións deses textos que presenta, dándolles a súa visión particular, sobre todo introducindo elementos modernos.
“El Brujo” emprenderá sobre o escenario unha singular viaxe a través de textos dos clásicos como Miguel de Cervantes, Quevedo, Lope de Vega, Santa Teresa de Jesús ou Shakespeare. Tirando de xenio e do que parece improvisación, o gran actor vai involucrando aos espectadores, facéndolles partícipes da obra.
Rafael Álvarez “El Brujo”, é un dos actores máis carismáticos e populares da escena actual grazas aos seus monólogos, aos que imprime de humor, pero tamén de experiencia vital e humanidade. Foi galardoado recentemente co prestixioso Premio Corral de Comedias 2024.
As entradas están a venda de xeito anticipado en Ton y Son, e desde unha hora antes na billeteira do Teatro. Dende a Concellería de Cultura do Barco indican que xa son poucas as entradas á venda, xa que se ten rexistrado moita venda anticipada.